Ribadumia celebra un ano "disTinto" con motivo da pandemia
Por Oskar Viéitez
Aínda que este ano non pode ter lugar a gran Festa do Viño Tinto do Salnés con motivo da crise sanitaria da covid-19, o Concello de Ribadumia asegura que "isto non quere dicir que non vaiamos lembrar estas datas e tentar celebralas dalgunha maneira entre todos".
Para estes festexos, desde a distancia, exponse tres concursos cos que pretenden vivir a festa 2020 dunha maneira diferente.
Por unha banda está o primeiro Concurso de Escaparates con motivos do Tinto de Barrantes, que pretende axudar a dinamizar o comercio local, así como incentivar as compras.
Ademais convocan un concurso de decoración dos exteriores das vivendas, para que os balcóns, fachadas e xanelas se poñan de festa. E, por último, animan aos veciños para compartir na páxina do Facebook do Concello as fotos de como están a vivir a festa no fogar.
Os premios serán uns vales de 50 euros para empregar no comercio local.