A COVID-19 reduce nun 85% a taxa de trasplantes de órganos realizados desde marzo
Por Redacción
As persoas que están pendentes do transplante dun órgano están incluídos nos denonimados grupos de risco ante a COVID-19. É o caso de Eugenio Sánchez, portavoz de Alcer Pontevedra, quen non deixou de acudir ás sesións de diálises desde que se decretou o estado de alarma.
Explica que as medidas de protección, hixiene ou esterilización aumentáronse, pero non estiveron exentos de dificultades, por exemplo no transporte, xa que para chegar ata o centro sanitario correspondente non era posible compartir unha ambulancia como o facían con anterioridade e recomendóuselles, na medida do posible, viaxar cos seus propios medios de forma independente.
Agora, aliviadas as medidas de confinamento, Eugenio segue mantendo a 'garda alta', protexéndose, e lamenta - como puido ver - que hai persoas que se están relaxando demasiado as recomendacións de prevención, poñendo en risco a vida de terceiras persoas, como a súa.
Así que protexéndose, desde o seu domicilio e non de forma presencial, este ano segue lembrando a necesidade de promover a doazón de órganos: "o día que nos imos temos unha serie de órganos que permiten que outra persoa poida seguir vivindo mellorando a súa calidade de vida, ou mesmo que continúe vivindo".
Segundo os datos que ofrece a Federación Alcer, a pandemia provocada pola COVID-19 supuxo que os transplantes de órganos reducíronse en España un 85% desde marzo, realizándose unicamente os urxentes.
Falta de espazos nas UCI, a prioridade entre médicos intensivistas para enfermos de coronavirus, evitar que os receptores fosen poboación de maior risco do que xa presentan e a diminución de doantes - posto que as persoas falecidas pola COVID-19 non eran válidas para doar - son as circunstancia que dan como resultado a redución dos transplantes.
Eugenio Sánchez espera que esta conxuntura non supoña un retroceso nas doazóns futuras, máxime cando en Galicia o ano pasado, reducíronse ostensiblemente as negativas de familiares para permitir a doazón de órganos e dado que se non existe un testamento vital son eles os que ten a última palabra ante a vontade manifestada previamente polo falecido.
Ademais de concienciar sobre a necesidade de doar órganos, a Federación Galega de Asociacións para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, aproveita esta data do 3 de xuño para lembrar que seguen facendo fronte a outras vicisitudes como é a diferenza coa que as comunidades autónomas aplican o baremo para determinar o grao de discapacidade e onde "Galicia non está entre as mellores". Ou na parte que incumbe aos doantes de ril en vida, a quen non se lles recoñece a incapacidade laboral temporal.
ACTIVIDADES
Tendo en conta a limitacións actuais, as actividades que promoven levan ás redes sociais e as súas webs, de forma que nestes espazos informarán como facerse doante de órganos, difundirán un vídeo sobre a importancia dos transplantes, publicarán imaxes dos socios que se sumaron á campaña # DonarEsAmar e tamén haberá carteis da Federación Alcer en espazos públicos.