A Xunta adxudica a obra de rehabilitación de oito vivendas protexidas en Cercedo-Cotobade
Por Redacción
A Xunta de Galicia investirá preto de 700.000 euros na rehabilitación de oito vivendas no concello pontevedrés de Cercedo-Cotobade, rematando desta maneira a rehabilitación dun conxunto de 10 vivendas, das que dúas xa foron amañadas e entregadas aos seus adxudicatarios.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adxudicou a rehabilitación das oito vivendas á empresa COVIASTEC, S.L., que disporá dun prazo de nove meses para a execución das mesmas.
A obra consistirá na rehabilitación de oito vivendas existentes en Cerdedo-Cotobade para a súa cualificación como vivendas de promoción pública e posterior adxudicación a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
O IGVS xa rehabilitou dúas das 10 vivendas das que consta o bloque. A obra consistiu na rehabilitación das dúas vivendas máis a cuberta xeral e instalacións comúns do grupo de 10 vivendas apegadas. As obras da primeira fase foron adxudicadas á empresa Prado Lameiro por un importe de 302.390 (IVE incluído) euros. Unha vez rematadas, as vivendas foron adxudicadas en réxime de alugueiro e entregadas aos beneficiarios.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou que "este investimento outorga un novo impulso ás nosas políticas de asentamento poboacional, facendo do noso concello un lugar ideal para vivir".
Tamén quixo poñer en valor a política municipal en materia de vivenda. "Estamos a loitar por ter unha rede pública en distintos puntos do municipio. As primeiras casas arranxadas foron moi demandadas e estas oito tamén van ser cualificadas pola Xunta como Vivendas de Promoción Pública para poñelas no mercado baixo réxime de aluguer social", rematou o rexedor.
Relacionadas:
-
Poñen en marcha o proceso de adxudicación para tres vivendas protexidas na rúa das Longas e en Viascón
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade anuncia un Plan de Investimentos de 8,3 millóns de euros para a reactivación económica
Por Redacción |
-
O inventario de todos os camiños de Cerdedo xa está en mans do goberno local
Por Redacción |
-
O antigo centro médico de Carballedo será rehabilitado como vivendas sociais
Por Redacción |
-
Medio Ambiente inicia o proceso para adxudicar dúas vivendas sociais en Cerdedo
Por Redacción |
-
Últimos días para solicitar un aluguer social nas antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción |