Ollo co amor de home! E non falamos de sentimentos
Por Redacción
Acacias, falsas acacias, canas, herbas da Pampa, cotulas, amores de home, eucaliptos e o cangrexo americano son especies invasoras contra as que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a traballar na súa eliminación e para ese fin destina unha partida económica que supera os 18.000 euros.
O concelleiro socialista, Iván Puentes, titular deste departamente no Concello de Pontevedra sinala que a introdución destas exóticas nun territorio no que non son nativas "está asociada á actividade humana e o seu impacto é considerable, tanto a nivel social, como económico e ambiental".
Por iso defende o investimento en campañas informativas e accións de prevención, instruíndo á cidadanía sobre as especies máis perigosas, a forma de eliminalas e as accións máis eficientes para evitar a súa presenza e proliferación.
Nos ecosistemas de Pontevedra atopáronse especies de 'Acacia Melanoxylon', procedente de Australia e Tasmania, que reduce a dispoñibilidade hídrica do chan e impide o crecemento de especies autóctonas; especies de 'Robinia Pseudoacacia' que tamén invade os claros do bosque caducifolio autóctono como poden ser os ameneiros do ENIL da Xunqueira de Alba ou do río dos Gafos.
Tamén se atopou flora de 'Arundo Donax' ou cana, especie asiática que altera os regachos; de herba da Pampa que coloniza beiravías de estradas, solares abandonados, espazos costeiros, dunas ou humidais e pode provocar problemas alérxicos.
Outras das especies agresivas para o ecosistemas autóctono detectadas son a 'Cotula Coronipifolia' e o amor de home ou 'Tradescantia Fluminensis' que invaden hábitats naturais húmidos e o 'Eucaliptus Globulus' cuxo comportamento invasor responde á gran capacidade de rebrote tras incendios forestais e talas.
No que respecta á fauna invasora detectáronse na Xunqueira de Alba cangrexos americanos, cuxos hábitos de alimentación poden alterar o ecosistema e desprazar as especies autóctonas. Esta especie converteuse nunha praga presente en toda Galicia.
Para a erradicación desta flora e fauna invasora a empresa Cormo Integral está a traballar na Illa das Esculturas, a Zona de Especial de Conservación do río Lérez, e o Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira de Alba.
Relacionadas:
-
Carballos e castiñeiros chegan 'in extremis' ao parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío anima a colocar trampas para frear a expansión das velutinas en leiras particulares
Por Manu Otero |
-
Galicia non é país para suricatas
Por Manu Otero |
-
Retiran eucaliptos e outras árbores invasoras no ámbito da praia fluvial do Lérez
Por Alejandro Espiño |