Os negocios e autónomos de Poio que pecharon polo estado de alarma non pagarán a taxa do lixo
Por Redacción
O Concello de Poio modificará a ordenanza fiscal reguladora do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos de tal maneira que todos aqueles negocios e autónomos que acrediten o peche total dos seus establecementos polo decreto do estado de alarma non terán que pagar a taxa correspondente.
Trátase dunha proposta con carácter excepcional que servirá para aplicar bonificacións do 100% desta taxa a aquelas persoas e empresas que realizan actividades que desde o 14 de marzo foron consideradas non esenciais e, polo tanto, non tiveron actividade durante o estado de alarma. A bonificación será polo importe equivalente ao tempo que se mantivese o citado peche, prorrateándose aos efectos oportunos.
Esta é unha das medidas que o goberno local de Poio aprobará o vindeiro xoves nunha Comisión de Facenda de carácter extraordinario convocada para poder axilizar a tramitación de medidas que buscan frear o impacto social e económico da crise sanitaria provocada pola expansión da Covid-19.
A medida busca axudar, na medida do posible, á liquidez dos contribuíntes "e protexer a terceiros que se poidan ver, dende o punto de vista económico, afectados por este novo contexto".
O documento establece que o peche do establecemento en cuestión deberá acreditarse mediante resolución do servizo de Emprego e Economía Social da Consellería de Emprego e Industria, a través da cal se aproban os expedientes de regulación e emprego para a suspensión ou redución de contratos laborais por forza de causa maior como consecuencia da Covid-19.
Tamén existe a posibilidade de presentar un informe de vida laboral, no que terá que constar o cese de actividade, en caso de autónomos.
Relacionadas:
-
Poio abre o prazo para solicitar a devolución da taxa do lixo ás empresas que cesaron a súa actividade no estado de alarma
Por Redacción |
-
O PP critica que o Goberno de Poio convoque un "pleno da vergoña" só para "aprobar canto antes" un cambio de salarios
Por Redacción |
-
Nito Sobral xubílase e renuncia ao seu soldo como alcalde de Poio, que pasará a Marga Caldas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada