Marín amplía as mesas autorizadas nas terrazas e reparte adhesivos con acceso á carta online
Por Redacción
O Concello de Marín está a realizar unha campaña de apoio aos locais de hostalería para que poidan retomar a actividade nas mellores condicións, tanto de seguridade como de viabilidade económica.
Nesta semana, Marín sumou outras 72 novas mesas, que se unen ás xa ampliadas anteriormente (174) en resposta ás demandas dos hostaleiros. Estas mesas supoñen unha ampliación máis alá do permitido pola normativa, pero, segundo fontes municipais, é necesario "para adecuar a situación a este momento tan excepcional".
Esta excepcionalidade precisou volver a planificar a disposición das mesas e cadeiras, de modo que houbo que organizar o espazo público para que non afectase á mobilidade peonil.
A estas medidas de seguridade, únese a repartición que se realizou durante a mañá deste martes entre os locais de hostalería por parte de representantes do goberno local duns adhesivos circulares para colocar en cada unha das mesas autorizadas.
Estes adhesivos de gran formato servirán como método de control do número de mesas que se poden colocar. Amais, inclúen un código QR, cuxo escaneo co teléfono móbil redirixe á plataforma Marín en Rede, onde se poderá consultar a carta daqueles establecementos adheridos.
Desde o Concello anímase a aqueles locais de hostalaría que aínda non forman parte de Marín en Rede a que se dean de alta dun xeito moi sinxelo: insertando o nome do seu negocio na plataforma e subindo a súa carta para que así poida ser consultada pola clientela a través do código QR do adhesivo, do que poderán dispoñer nas súas mesas.
A maiores, tamén se repartiron unhas bandas adhesivas cos lemas "Economía Local, Marín En Rede" e nas que destaca a iconografía coas medidas sanitarias e hixiénicas recomendadas cando se acude a un establecemento comercial.
O obxectivo é poder visibilizar entre a clientela "todas estas recomendacións, que é necesario seguir tendo en conta aínda que vaiamos avanzando na desescalada", indican dende o goberno local.
Así mesmo, na vila mariñeira segue en marcha a campaña de dinamización comercial enmarcada en Marín en Rede, programa cofinanciado cos Fondos FEDER da Unión Europea a través da Estratexia EDUSI Marín 2020.
Os lemas "Apoia o nosa economía", "Apego á nosa vila", "Aperta o noso turismo", "Alenta o noso comercio" e "Ampara a nosa saúde", presentados a semana pasada e que tamén formaron parte do vídeo promocional da economía local da vila, poderán verse en breve en carteis informativos no mobiliario urbano da localidade.
Relacionadas:
-
Recoñecemento ás terrazas de Marín para comprobar se son anti Covid-19
Por Redacción |
-
O Concello de Marín supervisa a colocación de terrazas
Por Oskar Viéitez |
-
Marín lanzará no verán Stock Marín, a súa propia feira de oportunidades
Por Redacción |
-
Marín autoriza aos seus hostaleiros á colocación de 50 novas mesas nas súas terrazas
Por Redacción |
-
O Concello de Marín analiza co sector comercial e hostaleiro medidas para reactivar a actividade e o consumo
Por Redacción |
-
Unha ducia de locais instalan terrazas no casco urbano de Marín no primeiro día da fase 1
Por Redacción |