O conselleiro de Sanidade destaca que a área sanitaria de Pontevedra é a de menos falecidos por coronavirus de Galicia
Por María José Pita
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou este martes o "inxente traballo de equipo" dos diferentes servizos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para minimizar o impacto da pandemia do coronavirus.
Vázquez Almuiña destacou que esta área sanitaria "foi a que menos falecidos por coronavirus tivo, mantendo no pico máximo da pandemia 117 hospitalizados dos que 21 doentes estaban en coidados críticos" e tamén que foi a primeira en acadar gradualmente o descenso de casos activos ata os actuais 28 e sen manter hospitalizacións por COVID.
O responsable de Sanidade contactou co persoal sanitario pontevedrés a través dunha videoconferencia que un grupo de traballadores seguiu desde o Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Acudiron, entre outros, o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, e os responsables de Atención Primaria, Anestesia e Reanimación, Admisión, Dixestivo, Docencia innovación e Calidade, Microbioloxía, Medicina Preventiva, Prevención de Riscos Laborais e Urxencias.
Segundo a información facilitada por Sanidade, o conselleiro puxo de manifesto o "profundo agradecemento" que amosou a sociedade aos profesionais desta área sanitaria pola súa adicación cotiá, "mantendo cun alto grao de actividade e eficiencia o sistema sanitario público" e trasladou as súas "máis sinceras grazas" aos responsables das distintas áreas pola súa profesionalidade durante a pandemia.
Vázquez Almuiña tamén quixo agradecer o "amplo traballo" efectuado na planificación e actual execución dos diversos plans de reactivación asistencial nos eidos hospitalario, de atención primaria, de programación cirúrxica, de planificación sociosanitaria, de atención infanto-xuvenil e no eido socioeconómico.
Ademais, fixo referencia á supervisión da situación sanitaria das residencias de maiores, encargada á xerencia durante a pandemia, e ao actual papel que xoga a atención primaria na detección inmediata de calquera caso sospeitoso de infección por coronavirus, elemento clave para evitar novos brotes de COVID-19.
Relacionadas:
-
O balance diario de Covid-19 reporta un caso máis activo na área sanitaria, con 16
Por Diego Espiño |
-
Baixa ata 15 o número de casos activos de Covid-19 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Os casos activos de coronavirus descenden ata os 25 na área sanitaria pontevedresa
Por Diego Espiño |
-
Sen cambios no balance diario do Covid-19 en Pontevedra e O Salnés, con 28 casos activos
Por Diego Espiño |