Preocupación no Grove pola contaminación e suciedade que provoca a xente que tira ao chan as máscaras protectoras e luvas
Por Redacción
Cada vez é máis habitual atoparse máscaras e luvas para protexerse ante a pandemia tirados en espazos públicos. O Concello do Grove alerta sobre esta situación e reclama colaboración cidadá para que tome conciencia e teña un maior coidado coa eliminación destes residuos.
Desde o goberno local que dirixe José Antonio Cacabelos lembran que se trata de elementos contaminantes que deben xestionarse de maneira adecuada porque se trata de material que provoca polución ambiental ao mesmo tempo que pode transmitir o virus. As autoridades municipais sinalan que os últimos estudos demostran que o virus pode sobrevivir ata un período de sete días na parte exterior da máscara.
Por este motivo aconsellan ás persoas que utilicen máscaras dun só uso sen ser portadoras do virus que deben introducilas xunto ás luvas nunha bolsa específica e depositala cos restos orgánicos do domicilio. Eses restos deberán trasladarse ao contedor verde.
Pola súa banda, os botes de xel hidroalcóholico deberán eliminarse no contedor amarelo de envases dentro da bolsa en que se depositen outros materiais reciclables.
Amosan a súa preocupación por estes materiais que se atopan esparexidos polas rúas co perigo que supón tanto para as persoas como pola posibilidade de que terminen depositados no mar ou en acuíferos, coas graves consecuencias que pode conlevar.
No caso das persoas afectadas pola enfermidade ou que se atopen en período de corentena deben manter unha bolsa para os seus residuos, que deberá ser depositada nunha segunda bolsa colocada á porta da habitación onde se atope a persoa illada. Nesa segunda bolsa pódense colocar as máscaras e luvas das persoas que atenden ao paciente. Todo ese material deberá introducirse nunha terceira bolsa.
A unidade do Servizo de Emerxencias é a encargada de trasladar o contido desas tres bolsas a depósitos específicos nas instalacións municipais do Monte das Flores. Eses contedores sélase e pasan unha corentena dunha semana. A continuación, os residuos introdúcense en bolsas grises e trasládanse aos residuos orgánicos das plantas de reciclaxe, debidamente sinalizados para ser tratados adecuadamente.