Galicia apoiará a reactivación de 27.000 autónomos con axudas para instalar medidas de protección
Por Redacción
A Xunta de Galicia destina 16 millóns de euros para apoiar a autónomos e pemes do comercio, o turismo, os servizos e o transporte a través de axudas que fomentarán a instalación de medidas de protección nos centros de traballo.
As axudas destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de medios de protección e hixiene para o persoal e para os clientes dos establecementos, así como medidas de reforzo de limpeza e desinfección dos locais; adaptación dos espazos con equipamento de seguridade; realización de obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta a disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.
Estas axudas, que se asignarán por concorrencia non competitiva, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da mesma pola metade da contía dos investimentos realizados.
REQUISITOS SECTOR A SECTOR
Por unha banda, o Goberno autonómico achegará axudas directas aos comercios de proximidade e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados para financiar o 100% das medidas activadas, a partir dun mínimo de 300 euros e ata un máximo de 1.200 euros. E, por outra banda, ofrecerá apoios directos do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores, tanto do sector servizos como do comercio, nas accións de seguridade precisas, desde un mínimo de 1.500 euros de investimento ata un máximo de 3.750 (sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros).
En canto ao sector do transporte, poderán beneficiarse de axudas de ata 3.000 euros os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros, o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre.
No que atinxe aos establecementos de hostalería e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, as axudas tamén cubrirán o 100% de investimento, ata 1.200 euros dende un mínimo de 300 euros. Irán destinadas a establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados. Tamén contarán con apoios do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores desde un mínimo de 1.500 euros ata un máximo de 3.750.
Ademais, no marco do programa ‘Galicia, destino seguro’, a Xunta está a reforzar a información das novas medidas e protocolos para o sector turístico no eido hixiénico-sanitario.
PLATAFORMA GRATUÍTA DE AUTODIAGNÓSTICO ONLINE
O programa ‘Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros’ súmase á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online que vén de activar a Xunta e coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e poder planificar as medidas que se deben acometer.
Esta ferramenta, dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, achega as claves para garantir a seguridade e a confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Cómpre lembrar que coa presentación das solicitudes para acollerse ás axudas do programa, os solicitantes deben achegar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.
Relacionadas:
-
Encontro dixital entre dirixentes do Igape e Emprego con autónomos e pemes para reactivar a economía
Por Redacción |
-
Rueda incide na importancia das medidas do plan "Galicia, destino seguro"
Por Redacción |
-
Comezan a repartirse os selos distintivos para os comercios seguros de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |