Os axentes de viaxes mobilízanse para reclamar solucións para o sector turístico
Por Manu Otero
"As axencias somos o pegamento de todo o sector turístico e as administracións públicas esquecéronse de nós". É a mensaxe de socorro lanzado este mércores polo presidente da Plataforma Dereitos das Axencias de Viaxes, Xabier Pombo, que xunto a medio centenar de axentes de viaxes da provincia concentráronse esta mañá fronte ao edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
O sector turístico é un dos grandes afectados pola crise sanitaria e o decreto do estado de alarma. Aínda que a partir do 1 de xullo, se a pandemia segue controlada, volverán abrir as fronteiras para permitir a chegada e saída de turistas, os axentes de viaxe teñen aínda moitos problemas pendentes de resolver.
"Non sabemos que imos facer. Somos 18.000 autónomos con máis de 65.000 traballadores a cargo. Temos que ampliar Ertes e que se nos amplíe a suspensión da cota de autónomos. Queremos traballar e buscar solucións dialogadas", expón Pombo.
"A administración pública ten que entender que nós somos emisores de turismo e debemos ter a garantía de poder vender os nosos produtos, así como de poder saír e entrar do país", demandan os afectados.
Outro dos grandes problemas aos que están a ter que facer fronte estas empresas pasa pola devolución ou cambio de datas de clientes cuxos viaxes se viron suspendidos pola pandemia. "Hai compañías aéreas que non saben como van facer as devolucións e nós estamos a defender os intereses do consumidor final", remarca Pombo.
O sector é consciente de que "temos que devolver ese diñeiro, pero non temos claro como se van a facer esas devolucións", protestan.
A falta de colaboración das grandes compañías aéreas está a supoñer un gran obstáculo á hora de adoptar medidas. "Cambian as súas políticas cada dúas por tres. Non pode ser que un cliente comprase a súa viaxe para a Semana Santa do 2020 e que non llo poidan cambiar para a semana santa do 2021", ilustra Pombo, quen deixa claro que eles non queren "facer unha campaña contra os nosos prestatarios, pero se nós ímonos á ruína, os demais virán connosco", augura.
E no medio de todo este desconcerto, os efectos da crise empezan xa a notarse. "Hai axencias que están a pechar e asumindo os pagos aos seus clientes para non deixar nada pendente porque están a ver que non poderán facer fronte ao que lles vén", lamenta Pombo en representación dun sector que tiña grandes esperanzas depositadas no ano 2020.
"Somos uns sobreviventes. Xa sobrevivimos a terremotos ou folgas de controladores", sostén o presidente da plataforma, convencido de que o seu sector, que na provincia de Pontevedra fórmano ao redor de 250 axencias de viaxes, volverá remontar o voo.