Rescatan un menor que caeu a unhas rocas cando pescaba co seu pai en Mogor e golpeou a cabeza
Por Redacción
A Policía Local de Marín constatou que co avance do desconfinamento "aumentan os problemas" na localidade e notou un repunte en casos que requiren intervención policial desde o inicio da desescalada. Este mércores tiveron que intervir nun accidente grave entre unha moto e un furgón e nun incendio nunha nave de apeiros de labranza.
Na tarde deste martes foi necesaria a súa intervención para axudar a socorrer a un bañista na praia de Mogor. Os policías acudiron á zona polos berros de auxilio dunha persoa e atoparon a un pai e o seu fillo que baixaran a unha zona de cantís a pescar e o menor caeu, golpeándose na cabeza e perdendo a consciencia puntualmente, cun episodio de espasmos.
Os policías pediron a mobilización dos servizos médicos e de Salvamento Marítimo, aínda que o menor foi rescatado finalmente por membros da Policía Local, que lograron subilo a un lugar seguro para ser atendido polos sanitarios.
Na última semana tiveron que actuar en varias liortas veciñais motivadas por ruídos ou molestias ocasionadas por outros veciños e pola actividade de locais de hostalería e a semana pasada foron requiridos por varias agresións no ámbito familiar e por un veciño que estaba a disparar cunha arma de aire comprimido cara á vía pública.
Nos controis que realizan diariamente, detectaron varios vehículos circulando sen seguro ou sen a ITV en vigor. As ITV que caducaron durante o estado de alarma están prorrogadas, pero nestes casos xa venceran antes da corentena polo coronavirus.