Comeza o acondicionamento dos novos aparcamentos disuasorios de Valdecorvos e A Parda
Por Redacción
Os dous novos aparcamentos disuasorios que o Concello de Pontevedra prevé habilitar nas zonas de Valdecorvos e A Parda están xa en marcha. Esta semana estanse a realizar as rozas na primeira parcela e durante os vindeiros días chegarán á segunda, co fin de ter acondicionadas as dúas parcelas en dúas semanas.
Este luns comezaron os traballos de roza na parcela da Parda, situada por detrás da estación do tren, desde a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente, na Parda. Os traballos manteranse durante toda a semana.
Unha vez rematadas estas tarefas de limpeza, chegará a quenda da parcela de Valdecorvos, situada entre a rúa das Fragas e a rúa Prado Novo. Prevese que non se alonguen máis de dúas semanas.
Ao remate destes traballos, darase paso aos estudos en profundidade destinados a definir cuestións como o volume exacto de vehículos que poderá acoller cada un dos aparcadoiros e a localización das entradas de vehículos e dos accesos peonís.
Trátase de dúas parcelas de titularidade municipal que, unha vez acondicionadas, vanse incorporar á rede de aparcadoiros disuasorios de Pontevedra. Permitirán ampliar o número de prazas de aparcadoiro en máis de 300.
A previsión é que estes novos aparcadoiros estén habilitados no último trimestre do ano e darán solución á necesidade de dispoñer de máis espazos de estacionamento que se detectaba na zona leste e sueste da cidade.