Tino Fernández acusa á Xunta de xogar coa conciliación de máis de 2.000 familias boicoteando as ludotecas
Por Redacción
A Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) de Pontevedra elaborou un protocolo para que se poidan desenvolver ludotecas de verán na cidade durante os próximos meses con todas as garantías de seguridade entre os menores participantes.
Pero a dirección da Fanpa mostrou o seu malestar ante o anuncio por parte da Xunta de Galicia de que ata a última semana de xuño, cando finalice o estado de alarma, non se decidirá se se poden ou non desenvolver estas actividades para escolares durante o verán. Esta decisión preocupa á Fanpa porque as ludotecas comezarían a súa actividade para partir do 1 de xullo.
O concelleiro de Educación e tenente de alcalde, Tino Fernández, tras manter unha conversa con Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, considera que a Xunta está "a boicotear e torpedeando" a realización destas iniciativas poñendo obstáculos e transmitindo incerteza.
"Resulta bochornoso que o PP non só protagonice un auténtico abandono de funcións nunha materia tan esencial como a Educación, senón que tamén se dedique agora a poñer paus nas rodas da Fanpa para impedir que se celebren as ludotecas", apunta Tino Fernández.
O período de inicio de matrícula comeza o luns 8 de xuño, unha vez que xa se viu atrasado, e a intención sería que comezasen o 1 de xullo. Para o concelleiro socialista a falta de decisión da Xunta deixa á comunidade educativa completamente tirada e abandonada á súa sorte, "a Feijóo impórtalle a conciliación familiar o mesmo que a Educación e a Sanidade", critica Fernández.
Rogelio Carballo explica que a Xunta tamén estableceu outro requisito: a convocatoria dos consellos escolares dos centros educativos para que ratifiquen por escrito o permiso para a cesión dos seus espazos.
Ata este ano, a autorización procedía directamente das direccións e das comunidades educativas dos centros. Segundo afirma, agora é necesario prolongar o tempo para que se adopten a decisión de ceder os espazos escolares para estas actividades e entende que a Xunta debería buscar outras solucións como impoñer as condicións de limpeza e prevención que considere oportunas.
Tino Fernández lamenta que se estea xogando coa conciliación de máis de 2.000 familias xa que por estes espazos pasan máis de 2800 escolares ao longo do verán. "Se non queren conciliar que nolo digan e que llo digan aos veciños de Pontevedra, pero que o digan claramente. Que deixen de xogar", sentenza Tino Fernández na súa crítica ao goberno de Núñez Feijóo.