Moraña ofrece axudas ao seu tecido empresarial para superar a crise do coronavirus
Por Redacción
O Concello de Moraña convoca a preto de 250 empresarios e autónomos do municipio afectados pola crise sanitaria para tratar as axudas aprobadas polo goberno local dirixidas a paliar os efectos da pandemia, que obrigou a pechar e reducir a facturación de moitas empresas.
O equipo de goberno que encabeza Luisa Piñeiro citou de maneira individual e personalizada aos representantes de pemes, microempresas, autónomos, comerciantes e hostaleiros de Moraña para o vindeiro luns, 8 de xuño, a partir das 9.00 horas no Edificio Multiusos de Santa Lucía para darlles todos os detalles sobre estas axudas e explicarlles o procedemento de solicitude.
A reunión farase por quendas para respectar os protocolos sanitarios, os aforos permitidos e a salvagarda da distancia social. O Concello xa habilitou unha partida de 100.000 euros para a concesión destas axudas a través dunha modificación de crédito acordada polo pleno e as bases das axudas están pendentes do trámite da publicación no BOPPO para a súa entrada en vigor.
O prego destas subvencións contempla a concesión dunha axuda de 900 euros a todos os autónomos e pemes que se viron obrigados ao peche e outra de 400 euros para aqueles que no mes anterior á solicitude desta subvención viran reducida a súa facturación en polo menos un 50% con respecto á do semestre natural precedente.
A medida oriéntase en exclusiva a pemes e autónomos con domicilio fiscal ou que conten cun local no termo municipal de Moraña, que estean ao día na xustificación de subvencións municipais, que non teñan débedas pendentes co Concello e que asuman o deber de manter a actividade polo menos tres meses.