Implantan en Pontevedra un proxecto piloto para impulsar a compostaxe doméstica
Por Alejandro Espiño
Un dous mil fogares, segundo as estimacións do Concello, participarán nun proxecto piloto para fomentar a compostaxe doméstica na cidade. Será, xunto co sistema individual no rural e os centros comunitarios, a 'terceira pata' do modelo de compostaxe de Pontevedra.
Esta iniciativa experimental, que detallou en rolda de prensa o concelleiro responsable de residuos Raimundo González, prevese implantar naquelas zonas da cidade nas que, ata o de agora, non se puxo en marcha ningún sistema de compostaxe.
Poderán participar neste proxecto piloto os domicilios que se atopen dentro do perímetro que forman as rúas Loureiro Crespo, José Malvar, Fernando Olmedo, Cruz Roja, o centro histórico, Arzobispo Malvar, Pardo Bazán, Alfonso XIII, Paseo de Colón, Alameda, Riestra, Augusto González Besada, Andrés Mellado, Sagasta, Joaquín Costa e A Estrada. Tamén se integran rúas como Padre Gaite, San Antoniño, Perfecto Feijóo, Casimiro Gómez ou A Seca.
Cada fogar recibirá un cubo marrón con capacidade para 7 litros, bolsas reciclables para compostar e unha tarxeta que, mediante unha chave electrónica, permitirá abrir e pechar os máis de 60 contedores -tamén de cor marrón- que se incorporarán ás illas de reciclaxe.
Ademais, o Concello quere incorporar a este sistema aos bares e restaurantes de todo este ámbito urbano, así como a produtores singulares, entre eles residencias, froiterías ou supermercados, que no seu caso recibirán un cubo máis grande, de ata 90 litros.
A participación neste proxecto, que se incentivará a través dunha campaña de captación e sensibilización porta a porta, é de carácter voluntario e gratuíto para os cidadáns, que recibirán formación para reciclar os biorresiduos de maneira adecuada.
Os residuos orgánicos que irán aos novos contedores recolleranse seis días á semana, igual que o resto do lixo, e os cubos domésticos poderán baleirarse a calquera hora do día.
"Ao cidadán lle damos todo. O único que ten que facer é recoller os residuos e levalos ao contedor", sinalou González.
Para xestionar este sistema, que o Concello quere activar canto antes, os técnicos municipais ultiman unha modificación do contrato coa actual concesionaria do servizo de recollida de lixo, Ferrovial Servizos.
A empresa deberá contratar un mínimo de catro traballadores que se dedicarán en exclusiva a esta recollida e tratamento dos residuos orgánicos. Será con camións específicos que, posteriormente, levarán a súa carga á planta de tratamento que decida a compañía.
Por este traballo, Ferrovial Servizos recibirá 421.000 euros o primeiro ano -asumindo a compra dos cubos, os contedores e as tarxetas- e 348.000 euros o segundo ano. Ademais, cobrará 45 euros por tonelada recollida. O obxectivo do Concello é chegar ás 2.000 toneladas anuais.
Unha vez entre en vigor o novo contrato do servizo este sistema xa se incorporará ás obrigacións regulares que deberá prestar a adxudicataria, coa construción a maiores da planta de tratamento prevista na Canicouva.
Raimundo González destacou que, unha vez se implante este sistema, o Concello confía en que a compostaxe "vaia como un tiro" na cidade, ao tratarse dunha experiencia piloto " moi potente" do que non hai precedentes en Galicia.
O edil destacou que este proxecto segue os pasos da "aposta clarísima" que fai Pontevedra para reducir as emisións de CO2 á atmosfera e para impulsar a "economía circular" ao reaproveitar os residuos orgánicos para producir compost.
Relacionadas:
-
O recibo do lixo en Pontevedra non subirá "custe o que custe" o novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
A reciclaxe dispárase en Pontevedra, especialmente o papel e o cartón cun 50% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores marróns do centro histórico só se colocarán de noite
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra desprega os contedores marróns para a compostaxe domiciliaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
187 establecementos do centro da cidade súmanse ao Plan Composta
Por Redacción |
-
O 6 de xullo comezará a recollida de residuos para compostar no centro histórico e no ensanche da cidade
Por Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez cualifica de "decepcionante" a xestión do goberno bipartito durante o primeiro ano de mandato
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A compostaxe aumentou un 28% as taxas de reciclaxe nos "Concellos Revitaliza"
Por Redacción |
-
Comeza a construción de catro novos composteiros comunitarios en Valdecorvos e A Parda
Por Redacción |
-
Os pontevedreses bateron récords de reciclaxe no mes de marzo
Por Redacción |