O servizo a domicilio salvou ás vendedoras da praza de Marín durante o confinamento
Por Redacción
As prazas de abastos foron un dos sectores afectados polo confinamento do estado de alarma. A imposibilidade de saír de casa e a obrigatoriedade de acudir ao supermercado máis próximo a domicilio fixo caer de forma drástica a afluencia de clientes á praza de Marín, cuxo colectivo de vendedores tivo que modificar o seu funcionamento para sobrevivir.
"Nas primeiras semanas estivemos fatal, pero empezamos a levar o peixe a domicilio, sobre todo á xente maior que non podía vir", recoñeceu a presidenta da Asociación Praza de Abastos de Marín, Begoña Rosales, nunha conversación con membros do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra.
Aínda así, moitos postos víronse obrigados a pechar durante as primeiras semanas do estado de alarma. "Non había clientes", argumenta Rosales. Foi esta circunstancia a que obrigou ao sector a reinventarse. "Había dous tipos de clientela. A que encargaba para varios días e levabámoslle o pedido a casa e a que, no segundo mes, chamábache por teléfono para facer o encargo e pasar logo a recollelo. Iso foinos dando a vida", recoñece.
Con todo, actualmente a actividade segue estando lonxe da súa plenitude. "Por agora abriron algúns bares de praia e pequenas taperías que van levando peixe azul como xoubas, xurelos ou sardiñas. Co bo tempo teñen ganas de peixe azul", sinala en referencia á hostalería, un dos clientes máis importantes para este sector.
A adaptación á nova normativa sanitaria supón outra dificultade. "A máscara non é fácil de levar porque son moitas horas e coa calor a cousa complícase, pero todo o munbdo pona porque é bo para todos. As luvas xa os usabamos e para a limpeza temos contratada unha empresa de desinfección", detalla Rosales.
Máis complicado é adaptarse ás restricións de acceso ás lonxas. "Temos problemas para entrar na lonxa de Vigo. Non podemos ir todos os días, estamos divididos en pares e impares. Tiramos uns compañeiros doutros, axudámonos. Hoxe non puiden ir e tiven que encargarlle o peixe a unha compañeira, mañá traereillo eu a ela", ilustra a vendedora.
Adaptarse ás novas formas de consumo que a pandemia obrigou a implantar será clave para a supervivencia dun sector que está a preparar o seu salto á Rede. "Agora estamos a traballar nun sistema de repartición a domicilio e nun marketplace para vender por Internet destinado sobre todo á xente nova para que poida ver todos os días o que temos", conclúe a presidenta da Asociación Praza de Abastos de Marín.
Relacionadas:
-
A 'nova normalidade' chega ás prazas de abastos
Por Redacción |
-
O sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra mantén a esperanza pola recuperación da actividade
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Marín analiza co sector comercial e hostaleiro medidas para reactivar a actividade e o consumo
Por Redacción |