O Grove pide colaboración cidadá contra as toalliñas húmidas, que atoan a rede de sumidoiros de Porto Meloxo
Por Redacción
O Concello do Grove fai un chamamento á colaboración cidadá para evitar os graves problemas que están causando as toalliñas húmidas ao seren eliminadas polo inodoro. En concreto, na tarde deste mércores saltou a alarma no bombeo da rede de sumidoiros de Porto Meloxo.
Segundo informou o Concello, foi necesario retirar e limpar o cesto, que presentaba o aspecto que se recolle na imaxe adxunta. O máis grave é que tan só 25 días antes fora necesario facer a mesma operación.
Estas pezas ateigan as tubaxes e van directamente ás bombas de impulsión, nas que se enredan polo tipo de filamentos cos que están tecidas. Isto paraliza as bombas e provoca que se queimen, o cal supón grandes gastos para reparalas e para substituílas se están estragadas.
A concelleira de Obras e Medio Ambiente, Ángeles Domínguez, lembra que a situación é de moita gravidade a nivel mundial, xa que todos os produtos deste tipo que se comercializan causan este problema. Ademais de chegar ás bombas e depositarse do xeito que o están facendo, causan problemas no contacto con acuíferos e prexudican a flora e a fauna.