Rafa Domínguez cualifica de "decepcionante" a xestión do goberno bipartito durante o primeiro ano de mandato
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Rafa Domínguez, o portavoz do grupo municipal do PP, analizaba este venres o ano de mandato que leva o goberno bipartito formado polo BNG e o PSOE á fronte do Concello de Pontevedra. Unha coalición que demostra que son dous gobernos independentes entre os que falta comunicación interna, apuntaba durante a súa comparecencia.
Para argumentar esta crítica, Domínguez utilizou o atraso na elaboración dos orzamentos, que non se aprobaron ata o mes de marzo e na falta de participación do alcalde na campaña #PonteLovers que promove a concellería de Promoción Económica, que lidera a socialista Yoya Blanco. "Non se queren ver inmiscuidos", apunta o representante popular.
O portavoz lamentou a "absoluta desaparición de Lores" durante este período de pandemia e censurou que o alcalde non aproveitase a disposición da oposición para facer unha fronte común para recuperar economicamente ao municipio. Mostra a súa desconformidade coa decisión do rexedor de adoptar medidas económicas con exencións que poidan facilitar a reactivación empresarial. "É decepcionante", apunta o líder popular que cualifica a actitude de Fernández Lores como "non presentado" durante a crise.
En canto á situación económica, Rafa Domínguez criticou que se incumpriu o teito de gasto. Alerta de que o Concello debe facer un estudo económico financieron "por non coidar as contas públicas" e iso supoñerá a tutela por parte do Ministerio de Facenda e pola Xunta. Tamén mostrou a súa preocupación ante as dúbidas sementadas polo goberno local sobre a capacidade de poder pagar as nóminas do persoal do Concello.
Outro dos puntos onde máis acentuou as críticas foi no gasto social en pleno estado de alarma. Sinala que Pontevedra segue sendo das cidades que realiza menos gasto neste apartado por habitante e asegura que os incrementos se han realizado en partidas non finalistas. Tamén volveu cualificar de actitude "machista" a decisión do goberno local de nomear catro directores xerais sen que ningún deles sexa unha muller.
Manifestou que estaba moi satisfeito co traballo desenvolvido durante este anos polo grupo municipal do PP ao ser o partido que presentou máis mocións no pleno, máis de 40 en todos os ámbitos desde a xestión do lixo á reorganización do tráfico. Sinala que os concelleiros populares manteñen encontros con diferentes colectivos e sempre que reciben unha proposta de reunión recíbese aos solicitantes antes de cinco días.
COMPOSTAXE NO CENTRO URBANO
Sobre o novo proxecto piloto para fomentar a compostaxe doméstica na cidade, o portavoz do PP asegurou que é partidario do compostaxe pero "non acaba de ver" a súa aplicación no ámbito urbano.
"Creo que é unha equivocación", alegou Rafa Domínguez. E expresou a súa incomprensión porque se invista neste plan de compostaxe e, en cambio, non se faga noutras materias alegando que "non hai diñeiro".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez esixe transparencia de datos á área sanitaria e medidas económicas urxentes ao goberno de Lores
Por Anxo Lourido |
-
Implantan en Pontevedra un proxecto piloto para impulsar a compostaxe doméstica
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez contacta co tecido asociativo para agradecer o seu traballo durante a crise
Por Redacción |
-
O PP local recolle 400 quilos de comida que doa a persoas sen recursos
Por Redacción |