Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"
Galicia debe apostar, segundo Ana Pontón, por transformar as súas cidades e facelas "máis sostibles, ecolóxicas e cohesionadas". Esa é a base da axenda urbana que o BNG quere implantar en toda a comunidade e sobre a que, recoñece a súa candidata á presidencia da Xunta, Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe".
Así o sinalou Pontón nunha nova visita a Pontevedra, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, xornada que a líder nacionalista quixo dedicar a avanzar a proposta do BNG para que haxa un "cambio transformador" en todo o territorio galego.
Tras reiterar que Pontevedra é unha "referencia" en materia urbana e destacar a "fortaleza" do modelo polo que apostou a cidade hai máis de dúas décadas, a candidata do BNG sinalou que a crise da COVID-19 fixo patente a "necesidade urxente" de realizar cambios no funcionamento das cidades.
Toda Galicia, explicou Pontón, debe "adaptar o seu espazo urbano" e impulsar unha "gran transformación" que permita avanzar cara un modelo "que poña as persoas no centro" e cre cidades "amables e cohesionadas socialmente".
A Boa Vila, segundo Pontón, é o "exemplo palpable" dos beneficios desta transformación urbana e o "aval" do propio BNG para demostrar "do que somos capaces".
A este respecto, a candidata nacionalista asegurou que, se os galegos confían nela para presidir a Xunta de Galicia, poñerá en marcha esta axenda urbana "no primeiro ano de goberno", un proceso que sería "dialogado" cos axentes sociais e os entes locais.
Seis son os "criterios claros" que o BNG incluirá nesta axenda urbana, partindo da redución da contaminación "de todo tipo", xa sexa industrial, residencial ou do tráfico rodado; ou do control do impacto dos coñecidos como gases invernadoiro.
Crear asentamentos urbanos "cómodos, agradables e seguros", impulsar novas fórmulas de reciclaxe e xestión dos residuos, fomentar as cidades "compactas" ou reducir o uso da enerxía nos espazos públicos son os outros criterios que marcarán esta axenda urbana.
Relacionadas:
-
Bará pide en Bueu o apoio para o BNG de Ana Pontón como a única esperanza para o voto galeguista
Por Redacción |
-
Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, expón as propostas do seu partido para a mocidade
Por Redacción |
-
O BNG aposta por unha grande mobilización social para as eleccións "non hai nada decidido, todo é posible"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG ratifica as súas listas para o 12X con Bará como candidato por Pontevedra
Por Redacción |
-
Un goberno do BNG será, segundo Pontón, o "máis fiel aliado" de Pontevedra para sacar a ENCE da ría
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |