Traballadoras de Inditex rexeitan os cambios de horarios establecidos pola dirección das tendas
Por Redacción
Un grupo de traballadoras do grupo téxtil Inditex e delegadas da CIG-Servizos concentrábanse ao mediodía deste venres 5 diante de Zara e fronte a Bershka para mostrar a súa oposición á modificación de horarios que, segundo denuncian, impuxo a dirección utilizando como motivo a situación derivada da pandemia provocada polo coronavirus.
Segundo apuntan as representantes sindicais este cambio impide conciliar a vida laboral e familiar e a dirección manifestou a súa intención de manter este horario, polo menos, durante todo este ano 2020. A CIG denunciou esta imposición ante a Inspección de Traballo e do mesmo xeito que se desenvolvía esta concentración na rúa Benito Corbal tamén se producían outras protestas similares en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago.
Este horario afecta tamén as traballadoras que contan con xornada reducida por coidado de menores. Desde a CIG aseguran que o persoal do grupo de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e libranza da fin de semana e afirman que mesmo en moitos casos quedarán sen o descanso semanal mínimo establecido por lei.
Desde a central nacionalista entenden que con estas manobras a empresa pretende aforrar gastos evitando a contratación de persoal temporal para cubrir vacacións e baixas.
O persoal pide que a empresa restitúa os horarios normais, ademais de que cumpra con todas as garantías de seguridade sanitaria, establecendo distintas horas de entrada e saída para evitar a coincidencia de persoal das distintas quendas.