Pontevedra estrea maquinaria de 'cero emisións' para conservar os seus xardíns
Por Redacción & Mónica Patxot
O servizo de Parques e Xardíns de Pontevedra renova a súa maquinaria. E faino con aparellos que empregan baterías eléctricas e que están homologadas como 'emisións cero'.
Mediante un investimento de máis de 6.000 euros, o Concello adquiriu esta maquinaria ecolóxica da marca alemá Stihl a través da empresa Novo Rumbo. Todo este material foi presentado este venres con motivo do Día Mundial de Medio Ambiente.
O lote inclúe un cortacéspede, dúas rozadoiras, un soprador de follas, un cortasetos e unha motoserra, así como diversas baterías, bolsas para cinto e cargadores.
O edil de Medio Natural, Iván Puentes, explicou que esta maquinaria suporá unha mellora substancial na saúde laboral, ao eliminar a inhalación dos gases tóxicos que emiten as máquinas de combustión e que poden resultar "prexudiciais" para os operarios que as usan.
Ademais, son máquinas moito máis lixeiras, o que reducirá o desgaste físico dos traballadores das brigadas, e tamén moi silenciosas, ao acadar uns parámetros de molestia acústica notablemente inferiores aos doutras máquinas.
A novas máquinas son compatibles con aplicacións para telefonía móbil ou tablets, o que permiten controlar o consumo e rendemento, empregar programas para planificar a conservación e mantemento de zonas verdes e controlar os aparellos en todo momento mediante sistemas de xeolocalización.
Aínda que a autonomía das baterías modulares depende da potencia das máquinas, estas son compatibles con todos os aparellos e se recargan de xeito semellante a un teléfono móbil.
"Poden dar para 6 ou 7 horas de traballo cunha rozadoira ou un cortasetos", destacou o delegado de Stihl en Galicia, Javier Sánchez, que tamén subliñou que as recargas da batería supoñen un terzo de consumo dun motor de combustible, un aforro "considerable".
Sánchez fixo fincapé na mellora que as máquinas supoñen para coidar da saúde dos seus usuarios, ao eliminar as emisións de axentes "en moitos casos canceríxenos" e as lesións e problemas musculares e traumatolóxicos que se producen nos acendidos dos motores.
O concelleiro socialista explicou que esta filosofía de transición ecolóxica e redución da pegada de carbono vaise a trasladar ao novo concurso de parques e xardíns, cun contrato que aposte por proxectos sostibles e pola utilización de maquinaria e de vehículos de 'emisións cero'.
Relacionadas:
-
A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Pontevedra pon a punto os xardíns urbanos e áreas de xogo da cidade
Por Redacción |
-
Novo avance na rexeneración do parque de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Monte Porreiro, A Parda, Os Gafos e O Peirao, seguintes paradas na posta a punto de parques e xardíns
Por Redacción |