A Deputación destina case 3 millóns e medio de euros a formación e fomento do emprego
Por Oskar Viéitez
O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres o plan de fomento da empregabilidade na provincia "O teu primeiro emprego" e as bases do proxecto formativo "TIC Emprendes" que regulan a selección de participantes e as axudas económicas.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou en rolda de prensa que "hoxe estamos aportando case 3 millóns e medio de euros a dous proxectos de enorme relevancia e máis neste momento onde a crisis sanitaria deixa moitos problemas de carácter económico e ligados ao emprego".
"O teu primeiro emprego", cun orzamento de máis de 2.600.000 euros, busca mellorar a empregabilidade da poboación moza da provincia facilitando que persoas universitarias e de ciclos superiores poidan acceder a un primeiro emprego ao nivel dos estudios cursados que lles computa para a vida laboral, adquirir experiencia, percibir un salario digno e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Os contratos en prácticas terán unha duración de seis meses prorrogables a outros seis.
No que respecta a "TIC Emprendes", conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, son 26 accións formativas destinadas a 390 persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, daqueles concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico.
Neste eido, o obxectivo é fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara ao emprego e "loitar contra o despoboamento propoñendo alternativas que fixen á poboación moza nas zonas con maiores problemas demográficos", resaltou Silva.