Acusan a empresa Fenosa de causar estragos forestais en Fentáns
Por Redacción
Lina Garrido, portavoz do grupo municipal do PSOE denuncia que a empresa de enerxía eléctrica Unión Fenosa, a través dunha entidade adxudicataria, causou danos ao realizar traballos de limpeza no lugar de Fentáns, na parroquia de San Xurxo de Sacos no municipio de Cerdedo-Cotobade.
Segundo indican, a compañía deforestou as zonas polas que se atopan instalados os postes de enerxía eléctrica e ademais a maquinaria derrubou muros, moveu os postes que establecen os límites das leiras e mesmo esnaquizou zonas de acceso ás propiedades particulares.
A representante socialista en Cerdedo-Cotobade indica que a empresa non avisou os propietarios, que se atoparon despois cos danos. A veciñanza indica que xa denunciou estas actuacións ante Patrimonio da Xunta de Galicia, debido a que se causaron desfeitas tamén no Camiño Real.
Desde a agrupación socialista de Cerdedo-Cotobade instan o alcalde Jorge Cubela a que interceda ante a empresa adxudicataria para que se amañen os danos provocados por esta intervención e que a entidade eléctrica asuma os gastos da recolocación dos marcos e dos muros para devolvelos ao seu estado orixinal.