Sorprenden un mozo na AP-9 con máis de 2.000 doses de cocaína no seu coche
Por Redacción
Un mozo de 24 anos foi detido pola Garda Civil tras ser sorprendido circulando pola AP-9 con máis de 2.000 doses de cocaína no interior do seu coche.
Os axentes interceptaron a este mozo nun control de estrada que estaban a realizar no punto quilométrico 110 da autoestrada AP-9, ao seu paso por Caldas de Reis, para vixiar os desprazamentos entre provincias.
Ao parar o vehículo, e ante as dúbidas que lles ofrecía o condutor, que era natural da Coruña, os axentes detectaron que levaba a droga oculta nunha parte do vehículo. A cocaína estaba xa disposta para a súa venda. Viña prensada e envasada ao baleiro.
Tras este rexistro, o mozo foi detido como autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Ademais, a Garda Civil denunciouno por non respectar o confinamento que determina o vixente estado de alarma pola crise sanitaria da COVID-19, ao viaxar entre as provincias da Coruña e Pontevedra sen causa xustificada.
O detido pasará a disposición xudicial perante o xulgado de instrución de garda de Caldas nas próximas horas. Farao de forma telemática.