Estribela recuperará o mércores o seu mercado ambulante
Por Redacción
Con 40 postos e as mesmas medidas de seguridade que o da Xunqueira. Así regresará a actividade ao mercado ambulante de Estribela o próximo mércores 10 de xuño, tras o parón obrigado pola pandemia sanitaria do coronavirus.
Seguindo a mesma filosofía aplicada na Xunqueira, a concellería de Promoción económica estableceu catro treitos en Marqués de Valterra separados por valos e cinta e cun único sentido de circulación para evitar aglomeracións.
Estes itinerarios seguros contarán con sinais indicativos tanto na avenida como na pista polideportiva e estarán controlados por dous vixilantes que se encargarán de garantir o cumprimento das medidas de prevención.
Os postos manterán entre eles unha distancia frontal de 6 metros e unha lateral de 4 metros, dotaranse de solucións de xel hidroalcohólico ás zonas de acceso e instalaranse carteis con información sobre as normas de hixiene.
O Concello colocará a primeira hora do luns a sinalización de reserva de prazas de estacionamento, que estará prohibido desde as tres da tarde do martes, xornada na que se pintarán as marcas no chan. As restricións manterase ata as catro da tarde do mércores.
Coa recuperación da feira ambulante de Estribela, segundo a concelleira Yoya Blanco, " imos dar un pasiño máis cara esa ansiada normalidade", cun mercado que os veciños xa estaban a demandar "e que conta con moitos incondicionais".
Relacionadas:
-
As antigüidades regresarán á rúa Serra o próximo domingo
Por Redacción |
-
O primeiro día da feira ambulante tras o estado de alarma desenvolveuse "con total tranquilidade"
Por Almu Dapena |
-
Promoción Económica traballa para que a feira ambulante volva a Rafael Areses o vindeiro 16 de maio
Por Marisa Ciordia |