Reordenan as terrazas da hostalería no ámbito de Virxe do Camiño e o Teatro Principal
Por Redacción
Evitar aglomeracións. É o obxectivo do traballo que os técnicos municipais estiveron a realizar para reordenar as terrazas da hostalería en varias zonas da cidade.
Así, o Concello aprobou o novo deseño da situación dos veladores nas rúas Serra, Virxe do Camiño, José Casal, Mariscal Pardo de Cela e Dona Tareixa, a proposta da concellaría responsable de ocupación do espazo público que xestiona a edil Eva Vilaverde.
Esta aprobación permitirá empezar a instalar, dende hoxe mesmo, veladores na rúa Serra, relacionados co gastromercado, así como reordenar os veladores da reforma urbana realizada na rúa Virxe do Camiño e nas rúas da contorna, José Casal e Pardo de Cela.
Nesta aprobación de veladores, tamén se incluíu a rúa Dona Tareixa, no ámbito do Teatro Principal, onde tamén se fai unha proposta de ocupación de espazo público para os establecementos hostaleiros do lugar.
No que respecta ao mercado de abastos, o Concello tomou a decisión de permitir a instalación das terrazas para compensar o peche e posterior redución de aforos no interior con motivo da aplicación das normas sanitarias.
En concreto, os veladores estarán na rúa Serra, no frontal do mercado de abastos, a ambos lados dos arcos de entrada.
Ao respecto da rúa Virxe do Camiño, José Casal e Pardo de Cela, o Concello aproveita o novo deseño da rúa para reordenar os espazos e acorda que serán os servizos técnicos municipais os encargados de autorizar a instalación de veladores neste ámbito entre os establecementos que o soliciten expresamente e seguindo a proporcionalidade da fachada.
A resolución afecta á rúa Dona Tareixa co propósito de reorganizar a situación actual dos veladores, para evitar saturacións e conflitos entre os establecementos.
Relacionadas:
-
O Concello deixa de ingresar máis de 65.000 euros pola redución da taxa de veladores nun 31,5%
Por Oskar Viéitez |
-
O gastromercado terá terraza ao aire libre na rúa Serra
Por Alejandro Espiño |
-
O lecer nocturno pontevedrés, ao bordo do KO
Por Manu Otero |
-
Os hostaleiros de Pontevedra, entre a necesidade, unha clientela desbocada e a presión policial
Por Manu Otero |