Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción
Un 63% das persoas que pernoctaron nos albergues de Raíña da Paz (Salcedo) e o Pavillón Multiusos da Xunqueira durante o estado de alarma leva máis de tres anos vivindo na rúa e un 19% entre un e tres anos.
Así o reflicte a memoria de actividade elaborada pola Concellería de Benestar Social sobre os 76 días que os centros de acollida provisionais permaneceron abertos e nos que se atendeu a 58 usuarios cunha media de idade de 46 anos (tendo 72 anos o de máis idade e 19 o máis novo), 52 deles homes e 6 mulleres, cunha media por persoa de 33 días aloxados (houbo catro que estiveron os 76).
A responsable do departamento municipal, Paloma Castro, subliña a importancia que estes albergues tiveron durante a crise sanitaria da Covid-19, destacando que só o 28% do total de usuarios viña derivado dos centros de Cáritas e San Vicente de Paúl, "o que significa que a meirande parte, un 72%, son cidadáns que non soen acudir aos recursos creados para cubrir as súas necesidades e, polo tanto, que estes albergues foron capaces de chegar a eles nunha situación de máxima necesidade".
Non obstante, os albergues tiveron derivacións doutros recursos sociais e sanitarios, como os centros hospitalarios da cidade ou a Unidade Asistencial de Drogodependencias. Paloma Castro lembra que a súa apertura prodúxose pola excepcional situación motivada pola pandemia da Covid-19, que obrigou a pechar as instalacións de Cáritas e de Calor e Café, coa finalidade de garantir que as persoas sen fogar cumprisen co confinamento decretado a nivel nacional.
UN CASO POSITIVO
O 26 de marzo detectouse un caso positivo de coronavirus que obrigou a poñer o centro en corentena e activar un dispositivo especial de desinfección das instalacións, asegurando que as persoas que estaban no albergue cumprisen as medidas sanitarias. "Conseguiuse que a Covid-19 non se estendera e, tres semanas despois de dar positivo, o usuario volveu ao albergue xa curado", sinala Paloma Castro.
Pola súa banda, e debido a que as instalacións de Raíña da Paz non podían acoller a máis usuarios, o Concello abriu o día 8 de abril o Pavillón Multiusos da Xunqueira, que foi preparado para funcionar como albergue polo persoal do servizo de Deportes.
A alimentación foi cuberta polo comedor de San Francisco, Cáritas e polo Concello grazas a un donativo de alimentos de Supermercados Froiz, mentres que as necesidades de roupa foron atendidas por Cáritas e os gastos de farmacia por Cáritas e Cruz Vermella. San Vicente Paúl tamén colaborou na alimentación coa compra de produtos especiais para dietas.
Cando o albergue pechou as súas portas estaban usando este recurso 23 persoas, das que 16 foron derivadas aos albergues de Cáritas e de Calor e Café, que abriron ao 50% da súa capacidade. O resto de usuarios alugaron pensións e habitacións en pisos compartidos ou regresaron aos seus lugares de orixe.
A METADE VIVE NA MENDICIDADE E NINGÚN TEN TRABALLO
A memoria dos Servizos Sociais pon de manifesto que un 33% dos usuarios dos dous albergues provisionais foron estranxeiros, procedentes de países como Italia, Portugal ou Romanía, así como do continente africano.
Unha enquisa levada a cabo coa participación de 27 persoas usuarias reflectiu que o 100% están desempregados, o 50% viven da mendicidade, o 21% percibe algunha prestación social (como a Risga), o 19% cobra unha pensión (non contributiva, de invalidez...) e un 10% recibe axuda do seu contorno familiar.
Así mesmo, un 32% dos enquisados manifesta que non ten ningún problema de saúde, o 27% ten afeccións como diabetes ou hipertensión, o 17% indica que presenta problemas co alcohol, o 7% con outras drogas, y un 17% sufre problemas mentais.
As malas condicións de saúde desta poboación púxose de manifesto en que, durante os 76 días nos estiveron abertos os albergues, se tivo que chamar case unha trintena de veces ao 061 para que atendera a algún dos usuarios.
No eido sanitario, un 40% non toma a medicación prescrita para tratar as súas patoloxías e que un 32% dos usuarios non dispón de tarxeta sanitaria. Un 25% manifestaron que foran vítimas dalgún delito por estar na rúa e case totalidade das persoas asistidas demanda unha atención integral e personalizada, que atenda á súa situación sanitaria, económica e social, e o 73% valora como boa ou moi boa a atención recibida nos albergues habilitados polo Concello durante a pandemia.
Relacionadas:
-
Comidas gratuítas para familias de Barro necesitadas, a iniciativa solidaria e comprometida do Furancho Eira de Arriba
Por Anxo Lourido |
-
Solidariedade confinada en táperes polas restricións da pandemia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cáritas rehabilitará a súa sede en Joaquín Costa para trasladar o albergue para persoas sen fogar
Por Manu Otero |
-
Concello e Afundación proporcionarán ata 170 menús diarios a menores de Pontevedra en situación vulnerable
Por Redacción |
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |
-
Benestar Social reforza o seu equipo coa contratación dun novo traballador social
Por Redacción |
-
Paloma Castro insta á Xunta a "cumprir as súas competencias" e reabrir os centros de día
Por Redacción |
-
A área sanitaria mantén 16 casos en activo por coronavirus por terceiro día consecutivo
Por Redacción |
-
O Multiusos da Xunqueira remata a súa función como albergue para persoas sen fogar
Por Redacción |
-
Pontevedra aprobará un novo convenio para o mantemento do albergue de San Javier
Por Redacción |
-
Os efectos da pandemia e o estado de alarma disparan os usuarios do centro de Rexurdir ata 30 diarios
Por Redacción |
-
Benestar Social leva investidos máis de 177.000 euros na atención aos máis vulnerables durante o estado de alarma
Por Redacción |