Almorzos saudables para os máis vulnerables de Monte Porreiro: "Coidar a infancia é imprescindible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A repartición comezaba ás nove da mañá, pero cando o reloxo aínda non marcara as oito e media, o primeiro pai xa acudiu ao centro social de Monte Porreiro. A asociación de veciños O Mirador iniciou este luns a repartición de almorzos e merendas saudables para os nenos das familias máis desfavorecidas do barrio e a fame fixo madrugar aos primeiros proxenitores desexosos de que os seus fillos puidesen amencer con algo máis que un vaso de leite con ColaCao.
Pese ao madrugón, á súa chegada xa tiñan unha bolsa esperándoos. As responsables da empresa local Elefantas de Cacharrería levaban desde as sete en marcha para preparar o pack co que un centenar de nenos de 24 familias tiveron este luns un espertar san garantido. Dentro, un zume, un batido de ColaCao, dúas pezas de froita, un brick de leite, unha peza doce artesá e un bocadillo de pan artesán cos que cada neno poderá almorzar e merendar cubrindo as súas necesidades nutricionais.
A iniciativa é posible grazas á achega da empresa de seguros Reale, que realizou unha doazón de diñeiro que fará posible que o servizo funcione durante dous meses. A pontevedresa Paula Álvarez Ameijeiras actuou como mediadora e, coa colaboración de María Rey e Marga Soliño, redactou un proxecto que levou a froita a 24 fogares nos que, pola súa situación económica, resulta inaccesible.
Ela réstase importancia. "Simplemente fixen chamadas e enviei un correo redactando un proxecto e pouco máis", di con total modestia, pero sen a súa intervención o diñeiro non chegaría a Pontevedra. A pesar de que traballa en Madrid, atopase na casa teletraballando ata setembro, soubo que Reale estaba a poñer en marcha este tipo de proxectos e decidiuse a achegar o seu gran de area. Este luns, puido comprobar que desde antes das oito e media da mañá e a contagotas, pais con máscaras levaban a primeira boa noticia do día a casa.
Un destes pais, que prefire manter o anonimato, levou un paquete para o seu fillo de nove anos coa satisfacción de saber que estará un pouco máis alimentado. Coa supresión dos comedores e almorzos dos colexios, as necesidades nutricionais de nenos como o seu víronse afectadas. Normalmente, "almorza ColaCao con galletas, se as hai, que non sempre as hai" e é consciente de que non é o máis recomendable para o seu crecemento.
Esta familia de tres está a pasar por "unha situación moi difícil" desde fai xa "bastante tempo" que "se nos complicou con isto", coa pandemia do coronavirus que reduciu moito máis os seus ingresos. Para salvar o escollo acoden ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro e é xa "unha boa axuda", pero faltáballes esta nova iniciativa para mellorar a alimentación do seu fillo. Coa bolsa na man e un sorriso oculto tras a máscara, mostra o seu agradecemento: "grazas a estas cousas podemos tirar un pouquiño para diante".
Os nenos son, por tanto, os beneficiarios desta axuda, un obxectivo que perseguía María Rey desde o principio. Son "os máis vulnerables" e aínda que os bancos de alimentos achegan comida básica para as familias, "non van a merendar nin almorzar lentellas", de modo que pensou que había que buscar unha solución. A través de Reale e a asociación O Mirador conseguírono para os de Monte Porreiro.
"Os nenos son os grandes esquecidos desta pandemia", lamenta, á vez que lembra que "ao estar na casa cómese máis" e "os nenos das familias nestes momentos está a pasalo mal terán dereito a ter batidos e bocadillos como os demais". Como filosofía de vida e deste proxecto, avoga por "buscar que os nenos teñan todos a mesma infancia, estean os teus pais cobrando o ERTE ou non ou traballando ou non", pois "coidar a infancia dos nenos é imprescindible".
A iniciativa permite ofrecer a todos os pequenos das familias máis vulnerables "un almorzo e unha merenda acorde ás súas necesidades" e, ao mesmo tempo, axudar comercio local, pois o financiamento de Reale vai parar a Elefantas de Cacharrería, Frutas Moncho, Capri e Froiz. "A idea que tivemos desde o principio é que todo o diñeiro tiña que quedar en comercio de Pontevedra", explican as súas impulsoras.
Un avó con netos de 5, 8 e 11 anos acudiu a recoller tres bolsas e, ao coñecer o que levaban dentro, mostrouse moi agradecido. Está xubilado e cobra 450 euros, súa muller traballou toda a vida na limpeza sen asegurar e non cobra pensión e tiveron que traerse a Monte Porreiro aos seus tres netos desde Vigo porque a súa filla estaba a pasalo mal. Grazas ao Banco de Alimentos, "podemos vivir" porque "se non, onde iamos con 450 euros?".
O mesmo lle pasa a unha nai con dous nenos de 4 e 8 anos. Acode co pequeno, que non tarda en empezar a comer unha das pezas da bolsa, e explica que deixou de ingresar o soldo do seu traballo nun restaurante e, a pesar de que o seu marido si traballa, "pasámolo moi mal". Un día normal, a ese neno que agora devora un pastel "daríalle un ColaCao, nada máis, porque non chego a fin de mes".
Mentres se poñen en marcha iniciativas como esta, as necesidades seguen xurdindo e no Banco de Alimentos de Monte Porreiro seguen necesitando galletas. Toda achega de particulares e empresas será sempre recibida cun sorriso.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Ence entregan alimentos para persoas en risco de exclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello colabora cos gastos do aluguer do almacén do Banco de Alimentos
Por Oskar Viéitez |
-
Fluxo constante de doazóns para o Banco de Alimentos de Monte Porreiro, que xa supera as 200 familias
Por Redacción |
-
"Eu nunca pedín nada. Antes axudaba a repartir comida e agora tócame vir a min"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Recadan máis de 1.000 quilos de alimentos nunha recollida solidaria organizada na Sala Karma
Por Diego Torrado & Redacción |
-
E o aplauso das oito é para... o Banco de Alimentos que sostén a 700 persoas de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |