Pontevedra non renuncia a celebrar o Día Nacional da Lingua de Signos
Por Oskar Viéitez
"Se a discapacidade das persoas con diversidade sensorial xa resultaba invisibible, co confinamento aínda máis", de aí o empeño da Organización de Xordos de Galicia (Xoga) en celebrar o Día Nacional da Lingua de Signos "incluso coas dificultades derivadas desta situación", explicou a súa presidenta, María Jesús Monterde.
Promover entre os escolares de Educación Infantil e Primaria o coñecemento da comunidade con diversidade sensorial (persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva), subliñar o valor das linguas nais (lingua de signos e lingua galega) e fomentar as capacidades artísticas e literarias son os principais obxectivos do concurso 'Xoga coas Manciñas', organizado polo colectivo Xoga en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación co gallo do 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos.
Entre as accións deseñadas en torno a esta xornada tamén se contemplan a colocación dunha pancarta no balcón da Casa Consistorial e a iluminación de cor turquesa do Consistorio e o Pazo Provincial dende a noite do xoves ata a mañá do luns, así como a publicación de vídeos de sensibilización a través de redes sociais baixo os lemas 'É lingua, non linguaxe' e 'Eu amo a lingua de signos' tanto o sábado como o domingo.
As actividades conmemorativas foron presentadas este luns no Concello de Pontevedra nunha rolda de prensa que contou coa participación da presidenta de Xoga, María Jesús Monterde; a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e a deputada provincial Olga García Ballesteros.
Tal e como explicou Monterde, debido á situación de alerta sanitaria motivada pola Covid-19, a programación do Día Nacional da Lingua de Signos "desenvolverase en boa medida a través de redes sociais e de forma virtual".
Con tal motivo, tiveron que modificarse as bases do concurso 'Xoga coas Manciñas 2020', de xeito que o alumnado de Infantil e Primaria puidese participar a pesar da situación de confinamento.
Os centros educativos dos alumnos galardoados recibirán como premio un contacontos ou obradoiro de lingua de signos gratuítos. A entrega de premios producirase o venres 12 de xuño ás 12.00 horas nas redes sociais da Deputación de xeito virtual.
Coa finalidade de sensibilizar á cidadanía de que 'É lingua, non linguaxe', tanto o sábado 13 como o domingo 14 de xuño publicarase cada hora a través de redes sociais un vídeo de diferentes persoas con diversidade sensorial dicindo en lingua de signos o seu nome e o significado desta lingua para eles.
Tamén se empregarán as redes para publicar un sorteo dunha praza gratuíta para un curso de nivel A1 de lingua de signos de 60 horas de duración para maiores de 16 anos que vivan en Galicia. "Os que queiran participar deberán ser seguidores de @organizacionxoga apuntou María Jesús Monterde-, dar un 'me gusta' na publicación do sorteo, mencionar a tres amigos nos comentarios e compartir nos seus perfís. O nome do gañador anunciarase o domingo día 14 de xuño ás 17.00 horas".
Relacionadas:
-
RADIO.- Máscaras 'con xanela' para eliminar as barreiras de comunicación
Por Marisa Ciordia |
-
O balcón do Concello celebra o Día Nacional da Lingua de Signos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación axiliza os pagos das subvencións a asociacións e ONG en apoio aos máis vulnerables
Por Redacción |
-
Dignidade e espírito reivindicativo contaxian o Pazo Provincial no XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia
Por Redacción |