O plan económico financeiro do Concello de Pontevedra "non é nin un pecado venial"
Por Oskar Viéitez
"A única medida que recomenda do plan económico financeiro (PEF) elaborado polo Concello é a innecesariedade de adoptar medidas". Así de contundente foi o concelleiro de Facenda, Raimundo González, este luns en relación ao citado plan que será motivo de debate este martes na comisión de Economía.
O documento, revelado polo Partido Popular e que tivo certa controversia política, recomenda que se intente cumprir co principio de anualidade orzamentaria pero conclúe sen medidas a adoptar. "Non hai caso", dixo o edil do BNG pechando a polémica aberta no seu día.
Raimundo González explicou que a elaboración do PEF "é unha cuestión formal, tal e como tiñamos dito", e adiantou que na conclusión final ademais de relatar a innecesiariedade das medidas, tamén inclúe a recomendación de que se intente cumprir co principio de anualidade orzamentaria.
"Non se trata dun incumprimento estrutural, senón puntual, extraordinario e non estrutural", indicou Raimundo González quen adiantou que haberá unha tutela do PEF por parte da Xunta de Galicia "xa que é a responsable da tutela financeira de todos os concellos".
Esta circunstancia tampouco produciu retrasos nas tramitacións ordinarias polo que "non é nin un pecado venial", engadiu González Carballo.
O concelleiro de Facenda explicou que a regra de gasto, incluída na chamada Lei Montoro do ano 2012, obriga aos concellos a non gastar máis que no ano anterior máis unha porcentaxe, que no caso de Pontevedra en 2019 era do 2,9%. E a realidade foi que na execución do orzamento de 2019 a citada porcentaxe chegou ao 7% "pero tendo diñeiro e compromisos", adiantou González Carballo.
O concelleiro tamén manifestou que o exceso de execución reverteu na economía local e non na amortización de débeda para os bancos, xa que de axustarse á regra de gasto o superávit incrementaría ata os 8 millóns de euros (case 4 millóns de euros máis que o actual), que estarían fóra da economía local, como sucede na actualidade.