Comeza a obra do novo acceso a Monte Porreiro

Por Oskar Viéitez
O concelleiro Demetrio Gómez compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos na que se fixo un seguimento das reformas que están programadas ou en marcha.
Demetrio Gómez informou que a reforma da ponte do Burgo avanza "a bo ritmo" e está previsto que a final desta semana que instalen os leds. Tamén comunicou que este mércores iníciase o pavimentado da rúa Doutor Fleming, no barrio da Seca. A empresa Edigrup Global executará a actuación no firme deste vial de 140 metros por un custo de 15.420 euros.
A principal novidade achegada na comisión por Demetrio Gómez foi o inicio das obras do novo "núcleo de centralidade" da parroquia de Mourente seguindo o exemplo do "modelo Pontevedra".
"O obxectivo é dotar á parroquia dun espazo público de altísima calidade construtiva onde os veciños poidan compartir a súa vida", dixo Gómez Xunqueira.
Este proxecto inclúe o futuro acceso aos Campos cuxas obras acaban de comezar. Trátase dunha estrada que partirá dos terreos de Tafisa, contará con 12 lombos, beirarrúas amplas e dous carrís de circulación para cada sentido, ademais de todas as medidas necesarias para favorecer a mobilidade peonil e reforzar a seguridade viaria.
Este vial supón a conexión do barrio de Monte Porreiro coa malla urbana de Pontevedra cun custo de 1,4 millóns de euros, repartidos entre 439.393 euros para expropiacións e 1.002.512 para a obra civil.
Pero o proxecto do "núcleo de centralidade" da parroquia de Mourente tamén suma o acondicionamento do local social que se habilitará na antiga escola infantil dos Campos, cun orzamento de 471.248 euros.
Será un espazo de uso veciñal, cunha sala de usos múltiples e sala de exposicións, e tamén acollerá a sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo cuxas obras contan cun orzamento de 373.964 euros.
O concelleiro de obras calcula que "a mediados de 2021 todo isto debería estar rematado".
O edil nacionalista non ocultou a súa satisfacción por este proxecto co que "estamos facendo crecer a cidade".
O custo global de toda esta reforma ascende a 2.287.000 euros. "Á parte de Loureiro Crespo non hai urbanizacións na cidade de Pontevedra que cheguen a este nivel de investimento", destacou o concelleiro.
Relacionadas:
-
Aberto o novo vial entre Tafisa e Os Campos, primeiro paso para reducir o tráfico no paseo polo río a Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A urbanización dos Campos incluirá algúns cambios a petición da veciñanza
Por Redacción |
-
O Concello cre que o novo acceso a Monte Porreiro "poderá estar rematado en febreiro"
Por Redacción |
-
O núcleo de centralidade dos Campos empeza a tomar forma coa vista posta en final de ano
Por Redacción |
-
Monte Porreiro estreará novo acceso por Os Campos en nove meses
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Impulsan obras en todas as parroquias do rural a partir da semana que vén
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local de Pontevedra completa a licitación da totalidade da rede de abastecemento de Mourente
Por Oskar Viéitez |
-
Trece empresas presentan oferta para a rehabilitación do novo local social dos Campos
Por Redacción |