Todo listo na Casa do Pobo de Cutián e pendente da inauguración
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras de construción e dotación de servizos da segunda e derradeira fase da Casa do Pobo de Cutián, na parroquia de San Xurxo de Sacos, no marco do plan de centros veciñais, co que se pretende reformar ou dotar a todas as parroquias dun espazo social en perfectas condicións.
Esta actuación contou cun orzamento global de 120.000 euros e, nesta segunda fase, acometeu unha remodelación integral do interior, que era practicamente unha estrutura diáfana e sen servizos.
O proxecto, que foi solicitado polos veciños e aceptado polo alcalde, Jorge Cubela, dá continuidade á primeira fase, executada polo Concello no ano 2015 e que consistíu na realización de toda a envolvente exterior con cuberta, carpintaría, fiestras, construción das cámaras e algunhas pequenas obras no interior.
A actuación recén rematada incluíu a execución de todas as distribucións interiores na planta baixa –quedando unha gran sala diáfana de 90 metros cadrados–, os acabados interiores con revestimentos, baños, teitos e carpintaría de madeira, as instalacións de servizos como electricidade, fontanaría, saneamento, cociña e calefacción, os sistemas de ventilación e evacuación de augas residuais e a adecuación exterior con rampla de acceso, soleira e sendas de aproximación para vehículos e peóns.
A maiores, realizáronse melloras valoradas en 15.000 euros para a instalación de cociña e dun sistema de calefacción con estufa.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, achegouse ata a Casa do Pobo para supervisar a conclusión das obras, que obtiveron o seu visto bo, e anunciou que agarda celebrar un acto de inauguración do local social con toda a veciñanza de Cutián tan pronto como o permita a situación sanitaria pola crise do coronavirus.
"Creo que se trata dunha obra moi importante para favorecer a dinamización social e cultural dos case 100 veciños de Cutián, que agora teñen un espazo de primeiro nivel para as súas actividades e que ademais contan cunha infraestrutura de referenza que lle permite reforzar a identidade da aldea e algo intrínseco como é facer pobo", rematou o rexedor.
Relacionadas:
-
Os veciños de San Xurxo de Sacos estrean a Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción |
-
Cubela anuncia a creación dun novo Local Social en Xesteira
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade renova a rede viaria interna de Barral e Cutián
Por Redacción |
-
A recta final do Plan de Centros Veciñais arranca coa reforma da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción |
-
Licitan o acondicionamento interior da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción |