A tarxeta Xente Nova comezará a emitirse este mércores nos concellos da área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A tarxeta Xente Nova comezará a emitirse este mércores en 13 concellos da área de Pontevedra, onde os menores de 21 anos poderán empregala a partir do 15 de xuño, o que lles permitirá realizar viaxes gratis no transporte público dependente da Xunta.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo este martes un encontro de traballo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, para abordar a implantación deste novo dispositivo neste municipio e noutros doce concellos da área de Pontevedra (Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama).
A tarxeta tamén se implantará, de xeito paralelo, en toda a provincia de Ourense.
Segundo lle comunicou a conselleira á alcaldesa, o comezo desta medida estaba previsto para mediados de marzo, pero tivo que adiarse pola declaración do estado de alarma. Reactívase agora que a situación sanitaria o permite, de forma coherente coa paulatina recuperación do transporte público.
A partir do mércores 10 de xuño as oficinas de Abanca habilitadas comezarán a emitir as tarxetas, que os menores de 21 anos poderán empregar a partir do día 15.
Para conseguila é necesario solicitar unha cita previa na oficina e os menores de idade deberán ir acompañados dun dos seus proxenitores.
Funcionan a modo de tarxeta monedeiro e non precisan ter unha conta asociada ainda que deben ter un saldo inicial para empezar a viaxar. Posteriormente irá reembolsándose cada 15 días o importe das viaxes realizadas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.
Para facilitar o pago seguro e evitar contaxios, os maiores de 21 anos poderán empregar a Tarxeta do Transporte Metropolitano de Galicia. Tamén se pode solicitar desde este mércores nas oficinas habilitadas e comezar a empregala desde o 15 de xuño.
Relacionadas:
-
Campo Lameiro activa o seu escaparate comercial virtual a través da súa nova páxina web
Por Redacción |
-
Pontevedra-Marín e Pontevedra-Sanxenxo, as viaxes en autobús máis demandadas polos menores coa tarxeta ‘Xente Nova’
Por Redacción |
-
O Grove ve "inexplicable" que a Xunta os exclúa do plan de transporte de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os menores de 21 anos da área de Pontevedra xa viaxan de balde no transporte público
Por Redacción |
-
A Lama incorpora 13 traballadores grazas ao Plan Concellos
Por Redacción |
-
O inventario de todos os camiños de Cerdedo xa está en mans do goberno local
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez aborda co sector do transporte a inmediata posta en marcha da Tarxeta Xente Nova
Por Oskar Viéitez |