Reactivan a selección para cubrir 3.650 prazas para militares de Tropa e Mariñeiría das Forzas Armadas
Por Redacción
A Subdelegación de Defensa de Pontevedra retomará o proceso de selección de persoal o vindeiro luns 15 de xuño, despois de que se interrompese en marzo con motivo da declaración do estado de alarma.
Reactivarase na segunda fase do procedemento selectivo, segundo informan desde Defensa. Aquelas persoas que superasen a primeira fase deberán realizar un recoñecemento médico consistente nunha proba de personalidade e probas de aptitude psicofísica.
En total, 185 aspirantes deberán someterse a estas actuacións no Centro de Selección da Subdelegación de Defensa de Pontevedra. Durante estes días previos, está a contactarse coas persoas seleccionadas para establecer unha cita previa.
Segundo sinalan desde o Ministerio de Defensa, ao longo destas semanas, as instalacións adaptáronse para asegurar que as probas se realizan atendendo ás mellores condicións de seguridade sanitaria, aplicando o protocolo establecido pola Inspección Xeral da Defensa. Adquiríronse equipos e elementos de protección individuais, modificouse a disposición de mobles para permitir distancias de seguridade interpersoais e instaláronse elementos físicos de protección.
A oferta de prazas sitúase en 3.650, repartidas entre 800 para o Exército do Aire, 620 para a Armada e 2.230 para o Exército de Terra.
O segundo ciclo selectivo da convocatoria anual para acceder á condición de Militar de Tropa e Mariñeiría viuse modificado para atender á condicións sanitarias. O prazo de cita previa é desde o 1 de setembro ao 14 de setembro, ámbolos incluídos.
Outras convocatorias establecidas para acceder ás escalas de oficiais e suboficiais dos distintos corpos e exércitos das Forzas Armadas marcan un prazo de 15 días, despois da publicación no BOE, para presentar solicitudes. A achega de documentos necesarios nestes procesos pódese executar por vía telemática ou de maneira presencial, sempre que se solicite cita previa.
Relacionadas:
-
Defensa recruta a 44 pontevedreses aspirantes a Tropa e Mariñeiría Profesional
Por Oskar Viéitez |
-
Defensa oferta 40 prazas de militares profesionais na base da Brilat en Pontevedra
Por Redacción |
-
Defensa abre un proceso selectivo para militares profesionais, con prazas na Brilat e a Escola Naval
Por Redacción |