A conselleira Ethel Vázquez percorre a reformada rúa de Concepción Arenal
Por Redacción
Durante os últimos días finalizaban as obras de humanización que se acometeron na rúa Concepción Arenal ao longo deste ano. A reforma contempla a ampliación de beirarrúas, un mellor trazado dos carrís de circulación e unha renovación dos servizos de saneamento.
Cambiouse o mobiliario urbano e a iluminación desta zona, aplicando elementos que cumpren cos estándares de eficiencia enerxética e, segundo o goberno local, mellorouse a mobilidade en toda esta contorna tanto peonil como de vehículos, despois dunha obra que se desenvolveu en dúas fases.
A conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez acompañou á alcaldesa de Marín María Ramallo este martes durante un percorrido pola rúa no que apreciaron os cambios efectuados. A obra desenvolveuse a través dun convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Marín e estivo paralizada durante un mes con motivo do estado de alarma.
Tamén se reactivaron as obras de renovación do colector xeral da Avenida de Ourense. Trátase dun proxecto que se inclúe no plan de Augas de Galicia para mellorar o saneamento da ría de Pontevedra. Estes traballos atópanse na cuarta fase de execución e está previsto que finalicen ao longo deste verán.
Ethel Vázquez visitaba o Concello de Marín para anunciar a posta en funcionamento da Tarxeta Xente Nova, destinada ao transporte público e da que tamén poderá facer uso a mocidade marinense.
Para utilizar a Tarxeta Xente Nova, as persoas interesadas deberán solicitar a súa concesión nas oficinas de Abanca de Estribela, de Jaime Janer e de Seixo, con cita previa. Esta tarxeta promovida pola Xunta comezará a funcionar a partir do luns 15 de xuño.