Novo avance da compostaxe comunitaria: chega ao barrio de Campolongo para unha poboación potencial de 6.000 persoas
Por Natalia Puga
A compostaxe comunitaria avanza en Pontevedra e en cuestión de semanas chegará ao barrio de Campolongo con catro centros instalados en distintos puntos do barrio que terán capacidade para atender a unha poboación potencial de 6.000 persoas.
O concelleiro de residuos, Raimundo González, explicou este mércores que xa empezaron os traballos para a instalación do primeiro deses catro centros de compostaxe, que se situará na rúa Espincelo, pegado ao edificio da Axencia Tributaria de Campolongo e dará servizo aos edificios situados xusto á beira e tamén ás vivendas militares e á rúa María Vitoria Moreno.
Ademais, están previstos outros tres na rúa Alcalde Hevia, entre o río Gafos e a rúa Forno; en Iglesias Vilarelle, pasado o parque do Cogomelo, case fronte ao colexio Crespo Rivas; e en General Rubín, na entrada cara ao río Gafos, case fronte á escola infantil. Cada unha destas catro localizacións terá dez módulos.
A instalación destes catro centros púxose en coñecemento da asociación veciñal do barrio e conta coa súa "aceptación". Ademais, Raimundo González explicou que existían peticións específicas de veciños do barrio de que se instalasen, de modo que cren que a aceptación cidadá será elevada e non descartan que en pouco tempo sexa necesario instalar máis módulos.
Con estes catro novo centros e os catro que están recentemente construídos na zona de O Castañal, os barrios de Pontevedra sumarán un total de 23 (ata o de agora había 15, aos que habería que sumar os de Carlos Oroza, Príncipe Felipe e a base da Brilat) que suman unha capacidade de tratamento de 1.150 toneladas de residuos orgánicos ao ano.
Así, segundo os datos facilitados por Raimundo González, na actualidade xa se poden tratar sobre 750 toneladas e cos oito novos centros aumentarase a capacidade de tratamento noutras 400 toneladas. Con este incremento, o Concello achégase máis ao reto de chegar a tratar o 50% dos bioresiduos producidos en Pontevedra. Na actualidade, trata o 8%.
Aínda non hai data exacta de entrada en funcionamento, pero o concelleiro asegura que será canto antes, "se poden estar dentro dun mes, mellor que de dous".
As obras teñen un prazo de execución dunha semana, de modo que en dúas ou tres semanas deberían estar construídos os catro centros de Campolongo. Unha vez terminados, haberá unha campaña de comunicación porta a porta e un buzoneo para explicar o funcionamento.