Un lugar non é un emprazamento illado. Nin unha persoa é allea ao que sucede arredor. O pasado, o presente e ata o futuro poden ter nexos de unión. Sen dúbida téñenos en Historias a destempo, un novo podcast que se suma aos programas de PontevedraViva Radio.
Nesta ocasión situámonos no Cine Seixo de Marín, que pasa por ser a sala de cinema en activo máis lonxeva de Galicia. Arrincamos na Pontevedra de 2020, aínda en estado de alarma, durante a desescalada cara ao que chaman a 'nova normalidade'.
1943 é o ano de apertura do cinema, cando un veciño de Seixo, José Carballo abría este negocio, entre outros, para proporcionar un futuro aos seus oito fillos. Cun deles, Perfecto, percorremos a súa historia.
Unha historia particular na que tamén aparecen outras historias de Marín, dos seus lugares ou dalgúns veciños ilustres. E chegaremos ata o verán de 2021, non, non é unha errata, nestas Historias a destempo saberalo.