Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, expón as propostas do seu partido para a mocidade
Por Redacción
O cabeza de lista por Pontevedra do Bloque Nacionalista Galego para a vindeiras eleccións autonómicas, Luís Bará, reuníase este mércores cun grupo de xente moza de toda a provincia, ante o que explicou as propostas do seu partido en materia de emprego, especialmente adicadas a este colectivo, ademais das políticas de vivenda e educación.
"Queremos vivir nun país diferente, nun país mellor. Queremos vivir e construír un gran país e ese país teno que construír a xeración que agora ten entre 18 e 35 anos", comentaba Bará neste encontro telemático no que insistía en que a mocidade galega leva anos sufrindo as políticas do Partido Popular, que provocaron que en Galicia as alternativas para a xente moza sexan o paro, un traballo precario ou a emigración.
Bará aproveitaba para explicar que o seu partido, o BNG, presenta un programa de goberno para a mocidade que ten como eixos fundamentais as políticas de emprego e de traballo digno e de calidade, mediante un plan plurianual de emprego xuvenil para a inserción en sectores estratéxicos da economía do país, para favorecer tamén o relevo xeneracional e o equilibrio territorial.
Tamén propuxo un Plan Retorna, que sería un programa de elaboración participativa, coa colaboración de todos os sectores, para a recuperación da mocidade emigrada, con especial atención ao persoal investigador, así como tamén á retención do talento no ámbito da innovación e da ciencia. "Queremos un país con máis investimento e maiores garantías de calidade e estabilidade na carreira investigadora", subliñou.
Bará destacaba que Ana Pontón, a candidata do BNG á presidencia nas vindeiras eleccións autonómicas do 12 de xullo, personaliza o cambio galego e os valores que precisa Galicia para avanzar e instou á mobilización da xente moza para que sexa protagonista e teña unha saída "digna" da actual crise. "O BNG de Ana Pontón é o partido da esperanza do país e da súa mocidade", manifestaba o cabeza de lista por Pontevedra.
Neste encontro telemático xunto á tamén candidata Alexandra Fernández, Bará tamén expuxo propostas para o ámbito do ensino, cunha nova Lei Galega que favoreza un ensino público, democrático, de calidade e laico, e tamén a diversificación da formación profesional e a súa adaptación ao novo modelo económico e produtivo que precisa o país.
No ámbito da vivenda, defendeu a creación dun banco de vivendas sociais para aluguer e emancipación xuvenil. "Tamén nos parece fundamental cambiar a dinámica da participación, creando unha mocidade activa e participativa, comprometida, que decida por si propia, se empodere e actúe sen tutelas e parternalismos, fomentando a participación activa da mocidade na vida social, na vida cultural, na vida política", destacaba o candidato nacionalista.
Bará tamén apuntaba a que o proxecto de futuro para Galicia do BNG pasa polo talento e a innovación; por fortalecer o sector público e os servizos públicos de ensino, saúde e servizos sociais; pola intervención pública en sectores estratéxicos da economía do país; por unha banca pública e unha empresa pública de enerxía; o desenvolvemento de sectores produtivos para xerar riqueza e traballo aproveitando a capacidade e potencial no ámbito enerxético, na industria tradicional e en novos sectores puxantes como a domótica ou aeronáutica; polo desenvolvemento e transformación gañando valor no sector primario tanto na terra como no mar; e tamén por un sector servizos e de turismo innovador e creativo que marque a diferenza.
Relacionadas:
-
Bará prevé un resultado "histórico" para o BNG nas eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Bará avoga por recuperar o proxecto do 'Viario do Vao' para aliviar o tráfico na Barca
Por Redacción |
-
Un 'Amazon galego' e axudas aos autónomos, apostas de Bará para o comercio post Covid-19
Por Redacción |
-
O BNG propón crear rutas seguras entre os concellos para ciclistas
Por Redacción |
-
Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Luís Bará demanda máis dereitos laborais e económicos para o persoal de servizos esenciais
Por Redacción |