Conclúen as obras na estrada PO-308, entre O Covelo e Raxó
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a execución da senda e as obras de mellora de seguridade no treito da estrada PO-308, entre O Covelo e Raxó, no Concello de Poio.
Os traballos consistiron na construción dunha senda, cunha lonxitude de 3,7 km, que permite completar un itinerario seguro e sustentable desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó. Estas obras foran licitadas por 2,06 millóns de euros, e implicaron un gasto adicional de 100.000 euros para renovación de conducións de abastecemento e 40.000 euros para expropiacións.
Antes da execución das obras foi necesario recoller no proxecto as achegas da veciñanza e xestionar un procedemento expropiatorio que permitiu gañar espazo adicional na estrada para poder executar a senda.
A intervención tamén recolleu actuacións complementarias para garantir unha maior funcionalidade, con zonas de aparcadoiro, sistemas de recollida de augas, renovación da iluminación ou unha nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó.
De forma complementaria desenvolvéronse unhas obras de mellora da seguridade viaria que permitiron acondicionar un treito que estaba considerado como de concentración de accidentes e que ademais recolleu a maior parte das achegas dos veciños recibidas nos procesos de información pública realizados.
Estas obras enmárcanse na estratexia que está executando a Xunta para suprimir estes puntos negros nas vías autonómicas e foran licitadas por 1,53 millóns de euros, aos que hai que engadir máis de 75.000 euros para retranqueo de liñas eléctricas, máis de 290.000 euros para expropiacións e 47.710 euros para a instalación de iluminación nas glorietas.
Para isto, levouse a cabo a mellora de interseccións, coa construción de varias semiglorietas e dúas glorietas, carrís centrais de espera para os xiros e de aceleración e desaceleración, para facilitar as incorporacións e saídas da estrada.
Estas dúas actuacións veñen sumarse a outros dous proxectos de construción de sendas nesta mesma estrada ao seu paso por Poio, que se complementarán tamén con outra actuación para mellorar a seguridade viaria.
Relacionadas:
-
Pasos de peóns e prazas de carga e descarga, principais reclamacións veciñais á Xunta para a reformada PO-308
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia a instalación de contedores de lixo municipais que dificultan o paso de peóns na PO-308
Por Redacción |
-
Poio pide medidas á Xunta para evitar que a mobilidade peonil se vexa "comprometida" en Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Marquesiñas de estrea entre Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
A Xunta retoma tres actuacións de mellora da seguridade viaria en Poio
Por Redacción |