Reabre Casa Román, un dos templos da gastronomía en Galicia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Volve un clásico de gastronomía galega, o restaurante Casa Román reabriu esta semana as súas portas en Pontevedra.
O seu propietario Román Vidal explica que o peche temporal permitiulles acometer a ambiciosa reforma no local que antes quedaba postergada polas urxencias do día a día. A estrela é a nova cociña.
Arrincan esta nova etapa con ilusión por retomar o traballo, con moita responsabilidade e con esperanza en que todo vaia ben e poder ter o ritmo habitual.
As semanas previas á reapertura levaron a cabo os labores de limpeza exhaustiva e instalación da cartelería, indicadores e demais cambios físicos nas instalacións, co fin de garantir a seguridade sanitaria que se precisa. Algo sinxelo para quen sempre foron esixentes tanto na limpeza como cos protocolos.
Xunto ás zonas de desinfección, xeles hidroalcólicos, luvas e máscaras, incorporáronse as novas tecnoloxías, como as cartas dixitais e os códigos QR, que permiten que o cliente non teña que tocar fisicamente a carta.
O salón do restaurante Casa Román é espazoso pero aínda así retiráronse algunhas mesas para asegurar o distanciamento entre os comensais sen que o cliente perciba grandes cambios.
O obxectivo é que pontevedreses e visitantes volvan gozar sen temor e sen riscos, dos reconocibles sabores e aromas da gastronomía tradicional galega. Porque hai cousas que non cambiaron como o excelente produto local, apostando polos de tempada, ben tratado e sen exceso de alardes nas súas preparacións para ofrecelo na súa esencia máis pura.
Así levan facendo desde que abriu Casa Román en Pontevedra en 1982 e así o ten asumido a terceira xeración deste templo da gastronomía en Galicia.