A piscina e o ximnasio municipal de Caldas reabren este venres 12 con estritas medidas sanitarias
Por Redacción
A piscina e o ximnasio municipal Antía García Silva reábrense este venres 12 de xuño, segundo anuncia o Concello de Caldas de Reis. Esta reapertura realízase adoptando todas as normas de seguridade e hixiene que se establecen nos protocolos sanitarios.
Está previsto que se reforcen as tarefas de limpeza con incremento das actuacións en todos os espazos e o acceso estará limitado ao 12% da capacidade do recinto. Esta decisión realízase para permitir que se establezan máis distancias entre as persoas usuarias, aínda que o goberno fixe un 30% de aforo nestas instalacións.
Retómanse tamén os cursos de pilates, que se desenvolverán nunha zona de maior dimensión que a habitual. O resto de cursos e actividades continuarán en suspenso á espera de que a situación sanitaria permita incorporalos.
Establécese un sistema mixto de acceso ás instalacións. Será con e sen reserva. A reserva non é obrigatoria, pero si recomendable para aquelas persoas que queiran asegurarse o uso do centro deportivo a unha hora concreta. As reservas realizaranse a través do teléfono 986.540.831.
Aquelas persoas que non reserven poderán acudir ao recinto dentro do horario habitual pero a entrada queda condicionada ao número de persoas que se atopen utilizando a piscina ou o ximnasio.
Todas as persoas están obrigadas a utilizar unha máscara de protección que se deberá empregar xa na recepción e en todas as zonas comúns. Só se poderá retirar no momento de realizar a actividade física. Ademais, tamén é obrigatorio manter as distancias interpersoais.
Non se emitirán durante este mes recibos ás persoas asociadas. Aqueles usuarios de actividades que aínda non se reinicien poderá compensar estes días cando se recuperen os cursos ou solicitar a devolución das taxas correspondentes á parte proporcional que pagasen.