Segundo incendio forestal en Cuntis en menos dun mes
Por Oskar Viéitez
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis participou na noite do mércores nos traballos de extinción dun lume forestal que se produciu na parroquia de Santa María de Troáns, moi preto do límite co termo municipal de Caldas de Reis.
O equipo participou cunha motobomba e un vehículo de emerxencias tipo pick-up.
O incendio foi declarado ás 23.55 horas deste mércores e, ademais de aos servizos municipais, tamén mobilizou a dúas brigadas de Medio Rural, un axente forestal e unha segunda motobomba.
As lapas calcinaron unha hectárea de terreo forestal composto maioritariamente por matogueira e arborado. A rápida intervención dos medios de extinción favoreceu a axilización do control do lume e contivo a súa propagación.
Este é o segundo incendio forestal que se produce en Cuntis en menos dun mes tras o declarado a finais de maio en San Fiz de Estacas. O alcalde, Manuel Campos, agradeceu o "gran esforzo realizado, unha vez máis, polos servizos municipais de emerxencias e polos demais equipos de extinción" e fixo un chamamento "á responsabilidade social", sinalando que o Concello de Cuntis terá "tolerancia cero" cos incendiarios.
Relacionadas:
-
Cuntis esixe á veciñanza que limpen con urxencia as fincas en mal estado
Por Redacción |
-
Cuntis repetirá experiencia de ter unha brigada de loita contra os incendios e busca 8 traballadores
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis prevé unha boa ocupación turística para este verán
Por Redacción |
-
Arden dúas hectáreas nun incendio forestal en Cuntis
Por Redacción |