"Somos un equipo de Goberno coherente e, aínda que con visións distintas, isto enriquécenos"
Por Oskar Viéitez
Ao cumprirse un ano do primeiro mandato da coalición entre o BNG, Partido Socialista e Avante no goberno local de Poio, o alcalde Luciano Sobral e os concelleiros Gregorio Agís e Silvia Díaz, fixeron un balance positivo da xestión municipal durante esta etapa que estivo marcada pola crise sanitaria da covid-19.
"Levamos feito un bo traballo, somos un equipo de Goberno coherente e, aínda que con visións distintas, isto enriquécenos e fai que uns aprendamos dos outros", sinalou o alcalde.
Sobral mostrouse orgulloso da "eficacia e a resposta axeitada" que deu o Goberno local durante estes tres últimos meses e trasladou en nome de todo o Concello o agradecemento á cidadanía do municipio polo seu comportamento exemplar.
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, destacou a actuación dos Servizos Sociais que deron cobertura a preto de 200 familias e avanzou que o Concello está a deseñar varias iniciativas para mellorar a incorporación ao mercado laboral daqueles veciños que se quedaron sen emprego.
Pola súa banda, a segunda tenente de alcalde, Silvia Díaz, resaltou o mellor funcionamento e coordinación entre as áreas municipais, poñendo de exemplo as numerosas informativas veciñais ou a creación dunha mesa de mobilidade ou a mesa da reconstrución "onde estarán representados todos os colectivos". Tamén incidiu na actuación das traballadoras do Centro de Información da Muller durante o estado de alarma.
Ademais do balance os concelleiros repasaron algúns proxectos en marcha como a mellora do pavillón e o ximnasio de Poio cuxas obras de mellora xa están autorizadas, así como a substitución da cuberta da casa do concello, ou o "ambicioso" proxecto para a fronte costeira de Raxó que está "a piques de aprobarse".
Hai outros asuntos que figuran no pacto de goberno das tres formacións políticas pero que se atopan en mans da Xunta de Galicia como son o novo centro de saúde "que necesita o municipio" ou o Polígono comercial de Fragamoreira do que o concelleiro socialista mostrouse convencido de que "se ocuparía nun tempo récord". Para que estes proxectos saian adiante Gregorio Agís dixo que "teño a esperanza de que cambie a Xunta".
OPOSICIÓN DESTRUTIVA
A preguntas dos xornalistas o alcalde Luciano Sobral valorou o papel que durante este primeiro ano desempeñou o grupo municipal do Partido Popular. O rexedor foi remiso a poñer nota ao labor que realiza o equipo liderado por Ángel Moldes limitándose a comentar que "dedicouse a facer unha oposición máis destrutiva que construtiva". Silvia Díaz completou esta reflexión engadindo que o PP "non fixo ningunha proposta viable nin tendeu a man para conseguir as cuestións estratéxicas que Poio necesita".
XUBILACIÓN
Por último, Luciano Sobral falou da súa xubilación, unha nova fase da súa vida que a nivel práctico non cambiou nada "sigo mantendo o meu compromiso con esta casa, coa organización na que me críe e cos veciños".
Se supuxo a cesión da súa dedicación exclusiva á concelleira de Seguridade Cidadá e Deportes, Marga Caldas, "agora o PP vai ter que dicir que somos catro alcaldes", chanceou Luciano Sobral.
Relacionadas:
-
"Máis soldos, máis asesores e máis alcaldes" é o balance que fai o PP de Poio do ano de goberno do tripartito
Por Oskar Viéitez |
-
O CIM de Poio ofreceu información a máis de 90 mulleres durante o confinamento
Por Redacción |
-
Nito Sobral xubílase e renuncia ao seu soldo como alcalde de Poio, que pasará a Marga Caldas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada