Edificios esnaquizados e coches danados pola rotura dun depósito de auga en San Vicente do Mar
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A rotura do depósito municipal de auga de San Vicente do Mar, no Grove, provocou este venres importantes desfeitas en vehículos e edificios dunha urbanización.
Pouco antes das doce da mañá tívose constancia da rotura do depósito que contiña uns 800 metros cúbicos de auga, que provocou unha riada que levou por diante todo o que atopou. Así, arrastrou varios vehículos que estaban estacionados na zona e causou importantes danos materiais en varios edificios.
Fontes oficiais da Subdelegación do Goberno indicaron que se viron afectadas unhas seis vivendas e catro vehículos e que todos os baixos afectados estaban deshabitados no momento da rotura. De todos os xeitos, estase á espera que medios técnicos accedan ás vivendas para certificar que non había ninguén no seu interior, xa que están moi afectadas.
Segundo informa o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, rexistráronse importantes danos materiais e mesmo estruturais nun edificio próximo. En concreto, quedaron completamente arrasadas pola auga a primeira e segunda planta dun inmoble que estaba xusto fronte ao depósito.
Desde o Concello do Grove indican que o depósito de auga derrubado estaba ao carón do transformador eléctrico e que, de momento, descoñécense as causas deste incidente. O depósito levaba moitos anos sen uso e incluírase na cesión de elementos públicos realizada o pasado ano ao Concello. Todo parece indicar que o problema pode vir dado por algún desprazamento de terras nesa mesma zona.
Así mesmo, xerouse unha gran balsa de auga que cortou o carril dereito da estrada PO-317 durante máis dunha hora, quedando restablecida a circulación sobre a unha do mediodía, segundo fontes das Garda Civil.
Os edificios afectados están situados na parcela 24 dos Edificios A Estrada da urbanización de San Vicente do Mar e resultaron especialmente danadas as vivendas de dúas dos tres portais do bloque. A acción da auga arrasou as paredes e esnaquizou o interior dos inmobles.
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, informou que os técnicos revisaron as estruturas tanto do depósito como do edificio descartando a existencia de perigo polo que deron luz verde ás tarefas de rebo e á canalización do abastecemento de auga ás vivendas da zona mediante os tres depósitos existentes.
"Esta urbanización por unha sentenza xudicial se nos obligou a recepcionala ao Concello do Grove cando nos viñamos advertindo que era unha urbanización moi antiga que non tiña as garantías de actuacións de mantemento", recordou o alcalde.
Mentres se avalían os "cuantiosos danos materiais producidos" Cacabelos destacou que o importante é que non existan danos ás persoas.
O incidente mobilizou ata San Vicente á patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil do Grove, efectivos de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, que regulou o tráfico, e efectivos de Protección Civil, os Bombeiros e a Policía Local do Grove.
Os edificios afectados albergan fundamentalmente segundas residencias, de modo que no momento da rotura do depósito estaban practicamente baleiros e, en principio, non houbo que lamentar danos persoais.
A situación causou moita alarma entre os veciños da zona, que pouco antes deste mediodía comezaron a chamar ao 112 Galicia para advertir dunha especie de tromba de auga que levou por diante vehículos e casas. Posteriormente, xa precisaron que nada tiña que ver coa choiva, senón cun depósito de auga que rompera nunha urbanización situada na rúa Sálvora.
O 112 recibiu información dos técnicos da empresa subministradora da enerxía eléctrica, xa que, como consecuencia da rotura do depósito, tamén resultaron danados postes e cables da luz.
De momento, os equipos de emerxencias continúan traballando no punto coa retirada dos restos, por iso, falta por facer unha estimación global dos danos causados. O alcalde e o persoal técnico do Concello desprazáronse ao lugar para valorar os danos, xunto cos corpos de seguridade.
Técnicos municipais procederon a apuntalar algunhas das columnas que aínda permanecen en pé para evitar máis derrubas.