
© Mónica Patxot
O espazo gastronómico do Mercado sae da hibernación

Por Redacción

© Mónica Patxot
Seis meses de actividade e en pleno despegamento. Así colleu o decreto do estado de alarma aos locais do espazo gastronómico do Mercado de Abastos de Pontevedra que, tres meses despois de verse obrigados a pechar pola crise sanitaria da Covid-19, este venres volveron levantar a persiana dos seus postos.
Co obxectivo de reactivar o seu funcionamento e facilitar o regreso dos clientes, o Concello autorizou a estes postos para instalar terrazas ao aire libre na rúa Sierra, que sacarán os seus pratos desde a primeira planta do edificio á rúa.
Non é a única novidade coa que regresan á actividade. Todos cumpren escrupulosamente coas medidas sanitarias para previr o contaxio por coronavirus, pero algún, o caso da Merluzateca que rexenta o Alfonso Díaz, aproveitaron o confinamento para darlle unha volta ao seu negocio e regresar aínda con máis forza. "Hai que defender o barco", resume o chef en termos mariñeiros.
A limpeza e desinfección do local e do produto, libre de anisakis desde a orixe, é un dos alicerces fundamentais do regreso. Para iso instalaron un sistema de desinfección por ozono que se emprega en hospitais. "Eu teño garantido o 100 % da desinfección do local, traballa as 24 horas. Calcularon a cantidade exacta para poder convivir e que á vez estea desinfectando", explica Díaz, que conta tamén con máscaras, luvas, biombos e todos os requisitos esixidos por Sanidade.
A atención ao público tamén se verá mellorada nesta nova etapa. Como as cartas están prohibidas, na Merluzateca, á marxe de ofrecer o seu menú nun formato dixital, redes sociais e estrear unha nova páxina web con toda a información; deseñaron o seu propio xornal. A cada cliente entregaráselle un, de uso persoal e intransferible, e nel poderase consultar a carta, curiosidades sobre o peixe, información sobre medidas sanitarias e seguridade, ofertas e novos servizos.
É neste último punto onde radica un dos cambios máis revolucionarios do local: a repartición a domicilio. En colaboración cunha empresa de transporte local, os clientes poden contactar a través de calquera canle coa merluzateca para realizar o seu pedido de martes a domingo que lle chegará directamente a casa. Cada produto chegará ao seu destino cunhas sinxelas instrucións para rematar, de forma rápida, a cocción no fogar e asegurar así a calidade e sabor do produto. E se se realiza o pedido antes das 13 horas, botella de viño de agasallo.
A oferta non se limita só ao servizo a domicilio, no local tamén ofrecen un 2x1. De martes a xoves, un menú para catro persoas no que só pagan dous. Ademais, a carta viuse renovada con novas preparacións para todos os gustos, desde os guisos tradicionais ás frituras fusionando o estilo galego co andaluz ou a incorporación de receitas máis exóticas como o ramen ou as giozas, sen esquecer unha ensalada deseñada polo mítico ex-xogador do Real Madrid, Juanito.
Os hostaleiros do espazo gastronómico teñen toda a carne, e o peixe, no asador para recobrar a confianza dunha clientela a base de bo trato, bo produto, confianza e seguridade. "A distancia vainos unir", remata Alfonso Díaz.
O espazo gastronómico do Mercado volve á actividade despois de tres meses de peche polo coronavirus
Os hostaleiros retoman a actividade con todas as garantías sanitarias e, no caso da merluzateca, cun servizo renovado e máis completo que inclúe novos pratos, servizo a domicilio e ofertas no menú do día
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
As empresas pontevedresas Ovo e Era encargaranse de dinamizar e visualizar o mercado municipal
Por Redacción |
-
Un farmacéutico pontevedrés ten a receita para acabar coas 'pombas-okupa' do Mercado
Por María José Pita |
-
O espazo gastronómico do Mercado homenaxea os sanitarios con descontos
Por Redacción |
-
As antigüidades regresarán á rúa Serra o próximo domingo
Por Redacción |
-
O gastromercado terá terraza ao aire libre na rúa Serra
Por Alejandro Espiño |
-
O gastromercado reabre con aforo restrinxido, seis postos abertos e un único acceso
Por Redacción |
-
Haberá campañas de dinamización cando se poida retomar a actividade no gastromercado
Por Alejandro Espiño |