Limpeza e desinfección da praia fluvial do Lérez para o paso á 'nova normalidade'
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra levará a cabo un zafarrancho de limpeza, sega, poda e desinfección en profundidade da praia fluvial do Lérez e a súa contorna nos vindeiros días. Ademais, realizarase unha achega de 450 metros cúbicos de area.
Estas actuacións están destinadas a poñer en marcha e adaptar o areal urbano á chamada 'nova normalidade' e suporán un investimento global duns 46.000 euros.
Estas medidas foron avanzadas polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nunha visita á zona acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o enxeñeiro Luis Navarro, da empresa EC Casas, que se encargará de efectuar a achega de area cun orzamento que rolda os 15.000 euros.
Iván Puentes explicaba que a adaptación do areal ás medidas hixiénico sanitarias establecidas na Orde SND/ 414/2020 levou ao seu departamento "a dobrar o número de veces ao día que a firma Ferrovial Servicios SA efectuará a limpeza e desinfección dos baños, pasando de dúas a catro". Isto significa un custo para as arcas municipais de 9.000 euros "no lugar dos 5.000 que tiñamos previstos inicialmente, para que Ferrovial manteña o areal e os baños en perfectas condicións de hixiene. Ademais de recoller o lixo na zona de solario e no merendeiro, os operarios da empresa baleirarán as papeleiras diariamente, reporán o material e acondicionarán, desinfectarán e limparán a caseta dos aseos catro veces ao día", apuntaba o concelleiro.
Estes traballos incluirán tamén o balizamento perimetral da zona de baño con boias, a cobertura das redes que serven de malla antiherbas e a retirada de tubaxes rotas. O edil do PSOE agarda que a empresa Estelas SLU proceda a vindeira semana á instalación das balizas que delimitarán a zona de baño, unha vez substituídas as boias e cordas que sufriran danos polo impacto de raios e pólas durante as crecidas.
Unha das partidas máis importantes deste plan de posta a punto da praia fluvial do Lérez irá destinada á contratación do servizo de socorrismo entre o 27 de xuño e o 31 de agosto. Dous profesionais da empresa Transgalicia SL encargaranse de velar pola seguridade dos bañistas. "Entre o 27 e o 30 de xuño contaremos cun socorrista de luns a domingo en horario de 12.30 a 20.30 horas e, do 1 de xullo ao 31 de agosto, prestarán servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16.30 e as 20.30 horas e un de luns a domingo entre as 12.30 e as 16.30 horas", concretaba Puentes.
Relacionadas:
-
A boa calidade da auga da praia fluvial de Monte Porreiro volve situala no censo de zonas de baño de Galicia
Por Redacción |
-
A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Máis zona de baño e novo balizamento para a praia fluvial do Lérez
Por Redacción |
-
A do Lérez será "praia libre de fume" e contará con socorristas e balizamento a partir do sábado 27 de xuño
Por Oskar Viéitez |
-
Que podemos facer se o veciño non limpa a súa parcela?
Por María José Pita |
-
Posta a punto da praia fluvial do Lérez para os meses de verán
Por Redacción |
-
Repoboan a senda fluvial do Lérez con 150 árbores de ribeira
Por Redacción |
-
200 árbores de ribeira iniciarán a repoboación da senda fluvial do Lérez
Por Redacción |