O balcón do Concello celebra o Día Nacional da Lingua de Signos
Por Oskar Viéitez
O balcón da Casa do Concello de Pontevedra loce dende este venres unha pancarta co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos que se celebra o 14 de xuño.
Esta inciativa xunto a outras actividades que se están a desenvolver estes días ten como obxectivo facer partícipe á poboación e favorecer a visibilización da importancia que ten esta lingua para promover a integración e normalización das persoas xordas.
O Pazo Provincial da Deputación e as sedes dos Concello de Pontevedra e Vilagarcía son algúns das institucións que xunto a outros monumentos e prazas iluminaranse durante toda a fin de semana de azul turquesa, a cor elixida para a conmemoración desta causa.
A elección do 14 de xuño para conmemorar o Día Nacional das Linguas de Signos, débese a que nesa mesma data no ano 1936 se constituíu a Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE), principal axente catalizador, xunto as súas federacións e asociacións, de aquelas iniciativas orientadas cara a conquista dos dereitos das persoas usuarias da lingua de signos española. "Este feito contribúe á labor de visibilización da lingua de signos e a convertela nunha ferramenta imprescindible para a construción da igualdade, solidariedade e xustiza", segundo a propia CNSE.