Benestar Social reclama formación e material sanitario para os centros de atención a persoas con diversidade funcional
Por Redacción
Dotar do material de protección necesario e formación ao persoal dos centros de día e ocupacionais dos colectivos de asistencia a persoas con diversidade funcional de Pontevedra foi a esixencia que fixo chegar a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, á Xunta.
A socialista lembra que os centros de Amencer-Aspace, Xoán XXIII, Down Xuntos Galicia e Amizade comezarán a funcionar de novo con cita previa para realizar terapias individuais o próximo 15 de xuño e denuncia que "o único que lles ofreceu o goberno de Feijoo é un curso formativo de tres días e hora e media de duración en total", critica.
Esta denuncia prodúcese despois do encontro telemático que Castro mantivo con representantes destes catro colectivos, quen lle transmitiu a difícil situación que viviron durante esta pandemia véndose obrigados a pechar os seus centros de día durante tres meses, o que supuxo un retroceso para os usuarios e para as terapias que viñan desenvolvendo.
Tal e como lle trasladaron á socialista as asociacións, a desescalada está a resultar "difícil" xa que as entidades deben realizar grandes investimentos para adaptar os seus centros á nova situación e en formar ao seu persoal.
"Espero que non nos deixen abandonados outra vez e deseñen un programa de formación serio porque os centros queren abrir con normalidade a partir do 1 de setembro", rematou Paloma Castro.
Relacionadas:
-
Demandan unha adaptación da idade de xubilación para as persoas con síndrome de Down
Por Redacción |
-
Estiman que 15.000 fogares pontevedreses recibirán o ingreso mínimo vital
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Benestar Social reforza o seu equipo coa contratación dun novo traballador social
Por Redacción |
-
Paloma Castro insta á Xunta a "cumprir as súas competencias" e reabrir os centros de día
Por Redacción |