Galicia sairá do estado de alarma o luns ao aceptar o Goberno a petición da Xunta
Por Oskar Viéitez
O Goberno central aceptou a solicitude de Galicia de abandonar a fase 3 do plan de desescalada polo que o vindeiro luns, 15 de xuño, entrará no que se denominou a "nova normalidade" ao cumprir a nosa comunidade cos "requisitos" epidemiolóxicos, informou o ministro de Sanidade, Salvador Illa.
Galicia converterase na primeira comunidade que abandona o estado de alarma declarado o 14 de marzo e que seguirá en vigor ata o 21 de xuño.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que levantar o estado de alarma "non é o final do camiño" non significa poñer fin ás restricións sanitarias nin que teña "superado a pandemia". Trátase de permitir que a comunidade siga "avanzando na reactivación social", pero co foco posto na posibilidade de que se produzan rebrotes.
"O certo é que estamos en alerta e a posibilidade dun rebrote é real, por tanto diante desa posibilidade o obxectivo é que eses brotes se controlen desde o inicio, así como os contactos estreitos e que teñamos activada esa alerta", sinalou Feijóo.
A partir do próximo luns seguirán en vigor algunhas normas que serán publicadas este sábado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que perfilarán unha fase de "seguimento sanitario e alerta sanitaria", cunha situación económica e social "máis permisiva".
O luns tamén abrirán os pasos fronteirizos da provincia de Pontevedra con Portugal. Serán os de Salvaterra de Miño-Monçao, Arbo-Melgaço e Tomiño-Vilanova de Cerveira.
Respecto ao resto de España o presidente da Xunta dixo que "damos a benvida a todas as persoas que veñan a Galicia, pero isto non quere dicir que poidan vir persoas en cuxo territorio non estean na mesma situación epidemiolóxica. Iso non é incompatible coa hospitalidade".
Relacionadas:
-
Pontevedra quere que a Xunta aclare como se poden retomar as verbenas e festas populares
Por Oskar Viéitez |
-
Así será a nova normalidade no deporte: eventos con público e aforo máximo do 75%
Por Redacción |
-
Apertura de parques infantís e aforos ao 75%, así será a entrada na 'nova normalidade' a partir do luns
Por Redacción |