A Xunta contratará a 259 pontevedreses perceptores da Risga
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou este venres aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios da comarca de Pontevedra poidan contratar a 25 persoas perceptoras da Risga, que serán destinadas a executar labores de construción e forestal.
A Consellería de Economía destina así este ano na provincia de Pontevedra un total de 3,12 millóns de euros para a contratación de 259 persoas perceptoras da Risga.
O obxectivo é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.
Na comarca do Salnés beneficiaranse os concellos de Vilanova de Arousa (5 traballadores), Vilagarcía de Arousa (15), Sanxenxo (5), Meis (2), Meaño (2) e Cambados (5). En total, a Xunta destinará a estes municipios un total de 393.950 euros. Tamén beneficiaranse os concellos de Caldas de Reis (5 traballadores) e Moraña (2).
As contratacións deberán ter como obxectivo a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais, e os traballadores contratados deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas e ser perceptoras da Risga.